Skip to main content

A USC destinará medio millón de euros ás axudas de manutención para o alumnado

Para poder participar nesta convocatoria é preciso estar matriculado/a no curso 2023/24 en estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao ou mestrado en calquera centro da USC. FOTO: Santi Alvite
Para poder participar nesta convocatoria é preciso estar matriculado/a no curso 2023/24 en estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao ou mestrado en calquera centro da USC. FOTO: Santi Alvite
Emitiranse 1.040 bonos para 80 consumos en cafetarías e comedores universitarios que poderán solicitarse do 18 de setembro ao 6 de outubro
Lugo, Santiago de Compostela

A USC destinará 500.000 euros en axudas para atender as necesidades de manutención do estudantado cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios. Nesta cuarta edición das axudas xurdidas pola crise económica derivada da pandemia, a Universidade incrementa a súa dotación orzamentaria e flexibilizará o uso dos bonos comedor. O prazo para formalizar a solicitude ábrese este luns 18 de setembro e estenderase ata 6 de outubro.

Os bonos de comedor poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións da cafetaría ou comedor universitario, na franxa horaria do mediodía, coa posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou ata dous menús adicionais os venres, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2023/24. En total, emitiranse 1.040 unidades con bonos para 80 consumos.

Requirimentos

Para poder participar nesta convocatoria é preciso estar matriculado/a no curso 2023/24 en estudos conducentes á obtención dun título oficial de grao ou mestrado en calquera centro da USC; non estar en posesión ou en condición de posuír un título do mesmo ou superior nivel ao dos estudos nos que se matricula para solicitar a axuda;  e formalizar matrícula de, polo menos, 30 créditos, ou no caso de estudos de grao, formalizala dos créditos restantes para rematar os estudos. Non poderá participar o alumnado que estea cursando nesta Universidade un programa de mobilidade entrante nacional ou internacional, así como o alumnado que na data de remate do prazo de solicitude se atope cursando un programa de mobilidade noutra universidade fóra de Galicia.

Para a valoración dos requisitos económicos, terase en conta a Renda Persoal Dispoñible (RPD) da persoa solicitante, que non poderá superar os 9.000 euros. Para o cálculo da RPD teranse en conta as rendas familiares (RF) do exercicio 2022 que se calcularán por agregación das rendas de cada un dos membros computables da unidade familiar. Teranse en conta tamén para o acceso ás axudas a existencia demostrada de situacións laborais e económicas, sobrevidas durante o ano 2023, que impliquen un grave deterioro ou afectación da economía da unidade familiar aínda que non se deduciran dos datos fiscais do exercicio 2022. Estas axudas son incompatibles coa percepción de calquera outro tipo de axuda ou subvención de carácter público ou privado para a mesma finalidade.

Na valoración das propostas poderán acadarse ata 70 puntos que corresponderán á Renda Persoal Dispoñible (RPD) en función da renda familiar e do número de membros computables, mentres que os 30 puntos restantes se reservan para a valoración de posibles situacións laborais e económicas sobrevidas con grave deterioro da economía familiar que non se deduzan dos datos fiscais do ano 2022. Os bonos de consumo poderanse cambiar ata o 19 de xullo de 2024.

Solicitude e comisión avaliadora

A presentación de solicitudes realizarase a través da Sede Electrónica da USC, para o cal as persoas interesadas deberán encher o formulario normalizado de solicitude dirixido á Xerencia. Calquera información, dúbida ou consulta sobre esta convocatoria e a presentación de solicitudes dirixiranse á Xerencia da USC a través do enderezo electrónico xerencia.axudas [at] usc.gal (xerencia[dot]axudas[at]usc[dot]gal)

The contents of this page were updated on 09.25.2023.