Skip to main content

O MHN celebra o sábado 14 o obradoiro para familias ‘Érase unha vez unha semente: agroecoloxía e diversidade’

Cartel do obradoiro
Cartel do obradoiro
Nesta actividade que comezará ás 11.00 horas, as familias intentarán identificar produtos de horta e relacionar as diferentes variedades
Santiago de Compostela

O Museo de Historia Natural da USC impulsa o obradoiro para familias ‘Érase unha vez unha semente: agroecoloxía e diversidade’ no que as familias intentarán identificar produtos de horta e relacionar as diferentes variedades. A actividade terá lugar a partir das 11.00 horas do sábado 14 de decembro.

A actividade comezará cunha breve dinámica inicial que consistirá nun quebracabezas de tempada. A continuación, presentarase a agricultura agroecolóxica como un sistema de produción alternativo que permite obter alimentos de calidade. Asemade, este modelo de produción respecta o medio ambiente e é quen de poñer en valor a importancia do solo e das sementes, afirman dende a organización da xornada, a cal corre a cargo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como da Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC.

A sesión complétase coa plantación dunha semente e coa construción dun tirapedras que os participantes poderán levar para a súa casa. A modo de peche, haberá unha degustación de produtos ecolóxicos. Para tomar parte nesta iniciativa dirixida a adultos e nenos de 6 a 12 anos acompañados de adultos, é preciso formalizar a inscrición a través dos formularios en liña dispoñibles nesta ligazón, polo menos con dous días de antelación ao inicio da actividade.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.