A Noite Europea das Persoas Investigadoras é un evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro

A G-Night, noite europea das persoas investigadoras, desenvolverase nos campus de Santiago e Lugo o vindeiro venres, 29 de setembro.
Deste xeito, a USC súmase un ano máis a esta iniciativa que achegará a ciencia ás rúas das cidades galegas a través de obradoiros, demostracións e relatorios de carácter divulgativo. Para o responsable da G-Night na USC, o profesor José Antonio Costoya, a clave do éxito desta actividade radica en “levarlle os laboratorios, a ciencia en xeral, á xente, non que a xente se teña que achegar á ciencia”. De feito, dende a organización da G-Night estiman que só polo Colexio de Fonseca pasaron arredor de medio milleiro de persoas na edición do ano pasado. “O feito de que sexa unha actividade rotatoria no que xente nova está entrando e saíndo todo o tempo permite unha maior afluencia de público”, engade o profesor Costoya.
O programa completo do evento está dispoñible na súa web.
Santiago
O Colexio de Fonseca será novamente o epicentro da G-Night entre as 18.00 e as 21.00 horas do venres 29 grazas ás actividades propostas polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia. Ademais, na edición deste ano o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) tamén se suma á programación que se desenvolverá en Fonseca.
O CiMUS desenvolverá obradoiros centrados no funcionamento do corazón ou en como extraer o ADN dos amorodos. Pola súa parte, os talleres impulsados polo CIQUS profundarán nos nanotransportadores, en como se comportan os polímeros electroactivos, ou na construción dunha pelota saltarina de cores mediante unha reacción de polimerización. O deseño de chips de intelixencia artificial para cámaras intelixentes, chips de intelixencia artificial que recoñecen o idioma no que escribes en tempo real, como ver en 3D usando lámpadas que nos conectan a internet ou a abordaxe da desinformación que combina coñecemento humano, aprendizaxe automática e intelixencia artificial, serán as cuestións tratadas nos obradoiros que ofertará o CiTIUS. Pola súa banda, o CRETUS tratará como se eliminan os microplásticos das augas residuais, cal é o valor real do aceite, o compost (de residuo a recurso), a adaptación das plantas e liques ao estrés ambiental, ou as técnicas analíticas para á detección de compostos nocivos presente caucho reciclado. Finalmente, o IGFAE amosará o mundo dos raios cósmicos: partículas que chegan dende o espazo e bombardean a Terra dende todas as direccións. A Área de Infraestruturas de Investigación da USC tamén dispoñerá do seu espazo expositivo con diferentes fotografías científicas históricas, entre outros contidos e demostracións.
O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que tamén forma parte a USC, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou o Centro de Supercomputación de Galicia son outras das entidades que se suman á G-Night compostelá e cuxas actividades xa poden consultarse na páxina web da noite europea das persoas investigadoras.
Lugo
O programa de actividades deseñado polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia xunto co colectivo de investigadores Agromar, do Campus Terra, co gallo da G-Night converterá as dependencias do Mercado Municipal e a Rúa Quiroga Ballesteros da capital luguesa nun foro de divulgación científica no que público de todas as idades terán a oportunidade de oportunidade participar e mesmo de ser protagonistas dalgún dos obradoiros previstos, así como dos monólogos científicos, vídeos e sesión demostrativas. Toda a programación, tal e como sucede en Compostela, é gratuíta e en aberto, sen necesidade de inscrición previa.
Este evento de divulgación científica e posta en valor do labor que desenvolven os investigadores comezará cos talleres ‘Espiando ao inimigo: parasitos ao microscopio’, ‘Quen ten máis proteína?, ‘Dío con luz: comunicación con fibra óptica’, ‘Fotosíntese artificial’, ‘Como nos gusta o pan!’, ’Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental’, ‘Imprensión 3D’, ‘Un bosque nun chiscar de ollos’, ‘O que agochan as células’, ‘Doutor, que lle ocorre á miña vaca?’, ‘Todos somos mutantes’, ‘Xogando a aprender’, ‘Trichinella, o verme que veu cear’, ‘Estás preparado para explorar, experimentar e saborear o coñecemento? ou ‘Como se fai para que unha anchoa non se escape dunha oliva rechea?’. Estes obradoiros e sesións demostrativas, a través da que se busca achegar ao público de xeito sinxelo, a actividade investigadora que se desenvolve na sede universitaria luguesa, están dirixidos a nenas e nenos, a partir de 4 anos, e tamén ao público adulto.
Alén destas sesións, a Rúa Quiroga Ballesteros de Lugo servirá de escenario de dous monólogos científicos: ‘Unha charla moi picante’, e ‘A miña parasitografía: historia dunha parasitóloga parasitada’. Asemade, tamén se instalará na rúa unha pantalla xigante na que se proxectarán varios dos relatorios científicos de investigadores do campus lugués. A G-Night está coordinada este ano pola UVigo.