Skip to main content

O CFP lanza un programa de formación docente e acollida para o profesorado axudante doutor de novo ingreso

Este novo programa da USC atópase en coherencia co establecido na LOSU, segundo a cal “as universidades desenvolverán a formación inicial e continua para a capacitación docente do profesorado como liña prioritaria da súa actividade”. Imaxe de arquivo de docencia na USC. FOTO: Santi Alvite
Este novo programa da USC atópase en coherencia co establecido na LOSU, segundo a cal “as universidades desenvolverán a formación inicial e continua para a capacitación docente do profesorado como liña prioritaria da súa actividade”. Imaxe de arquivo de docencia na USC. FOTO: Santi Alvite
O Centro de Formación de Persoal convoca esta iniciativa que busca facilitar a integración deste profesorado na USC así como desenvolver as súas competencias docentes
Lugo, Santiago de Compostela

A USC convoca para este curso 2023-2024 a primeira edición do programa de formación de acollida e formación docente inicial dirixido ao profesorado axudante doutor incorporado para este novo curso. O Centro de Formación de Persoal (CFP) organiza esta actividade para desenvolver as capacidades e competencias docentes do profesorado novel, facilitar a súa integración na USC e dar a coñecer os principios e valores públicos da Universidade. 

O programa ten unha carga lectiva global de 126 horas que se desenvolverán entre os meses de outubro e xuño. A actividade consta de cursos de autoformación, de carácter transversal, a través da Aula Virtual da USC e mais de cursos (tele)presenciais, de formación en competencias docentes. Estes últimos terán como mínimo dúas edicións, en decembro-xaneiro e en maio-xuño, para facilitar a asistencia. Os cursos presenciais desenvolveranse tanto en Santiago de Compostela como en Lugo; e os telepresenciais, a través da aplicación corporativa Teams.

Para superar o programa cumprirá a superación dun número de cursos equivalente a, como mínimo, o 75% das 126 horas do programa (94,5 horas), e o 75% das 74 horas de formación en competencias docentes (55 horas). Con todo, as persoas asistentes que poidan acreditar formación nos contidos dalgún dos cursos poderán quedar exentas de realizar ata un máximo de 1/3 do programa (42 horas) de acordo co proceso establecido na convocatoria. 

LOSU

Este novo programa da USC atópase en coherencia co establecido na LOSU, segundo a cal “as universidades desenvolverán a formación inicial e continua para a capacitación docente do profesorado como liña prioritaria da súa actividade”. Ademais, a lei concreta no artigo 78 que “para o desenvolvemento da súa capacidade docente, as profesoras/es axudantes doutoras/es deberán realizar, no primeiro ano de contrato, un curso de formación docente inicial cuxas características serán establecidas polas universidades, de acordo coas súas unidades responsables da formación e innovación docente do profesorado”. Porén, esta primeira edición non resulta obrigatoria para o persoal axudante doutor convocado, pois os seus contratos están feitos ao abeiro da lei anterior.

Por outra banda, a ‘Estratexia de Formación da USC 2023-2026. Bases para a oferta formativa do persoal da USC’ estrutura a formación en varios eixes, entre eles, os programas que responden ás diversas necesidades formativas que o persoal pode experimentar ao longo da súa vida profesional e que estarán formados por módulos e actividades formativas de temática diversa. Os programas formativos que forman parte da Estratexia son: Acollida, Desenvolvemento e Perfeccionamento Profesional,  Innovación e Dirección e Liderado. O obxectivo do Programa de Acollida, dirixido ao persoal de nova entrada na USC, é “fornecer ás novas empregadas e empregados da USC a formación inicial imprescindible para desempeñar axeitadamente as funcións e tarefas inherentes aos postos a que se incorporan, así como facilitar a súa integración na USC e o coñecemento e adaptación aos principios e valores públicos da Universidade”, explican dende o CFP.  
 

The contents of this page were updated on 04.09.2024.