A segunda edición do programa Faíscas Culturais conmemora o centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos con aulas abertas e sesións que profundan no labor e a pegada da institución

O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.
Baixo o título 'Saber de Nós. Olladas no centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos', a segunda edición no programa afonda no labor e a pegada do SEG en aulas abertas e conversas que percorrren varios dos centros da USC e se complementan cunha exposición itinerante coordinada por Henrique Monteagudo.
O 9 de novembro ás 12 horas, a mesa redonda 'O Seminario de Estudos Galegos, a filoloxía e as letras galegas e a relación con Portugal' reúne as e os docentes Alejandra Ulla, Elias Torres, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra nunha conversa aberta no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía.