Skip to main content

Capacidade investigadora, docencia, compromiso rexional ou orientación internacional, puntos fortes da USC segundo o U-Multirank 2017

Capacidade investigadora, docencia, compromiso rexional ou orientación internacional, puntos fortes da USC segundo o U-Multirank 2017
Capacidade investigadora, docencia, compromiso rexional ou orientación internacional, puntos fortes da USC segundo o U-Multirank 2017

Comparada con preto de 1.500 universidades dun cento de países, a Universidade de Santiago alcanza os seus puntos fortes no ámbito da investigación así como no do proceso de ensino e aprendizaxe, na súa orientación internacional, transferencia de coñecemento e no seu compromiso rexional. Estes son os ámbitos destacados na edición 2017 de U-Multirank, clasificación cuxos promotores definen como “o maior ranking mundial de universidades” e que impulsou nas súas orixes a Comisión Europea.

No capítulo específico da investigación, a USC mellora a valoración - con respecto á edición de 2016- da capacidade de captación de recursos externos para investigación ata o nivel A (a mellor cualificación nunha escala de cinco niveis) a mesma que para o volume de resultados académicos en artes creativas e escénicas en relación co persoal académico a tempo completo. Entre os aspectos mellor valorados, seguiríanlle os datos relativos ás publicacións científicas, índice de citacións e publicacións interdisciplinares (cualificación B). Na mesma liña pero no ámbito específico da transferencia de coñecemento, as patentes coa industria son o activo da USC mellor valorado seguido das publicacións con socios industriais, patentes rexistradas e publicacións citadas en patentes.

En docencia, a USC mellora posicións con respecto ao pasado e alcance o nivel A na taxa de graduación no tempo previsto do alumnado de máster. No nivel B sitúanse os datos de graduados/as no tempo previsto para grao e a ratio de alumnado graduado en máster. No relativo ao compromiso rexional, o máis significativo é o importante incremento con respecto á edición anterior deste mesmo ránking da porcentaxe de alumnado de máster que obtén traballo na mesma comunidade (nivel B), seguido polo do alumnado titulado en grao, ao tempo que mantén a súa porcentaxe de publicacións feitas con outros investigadores do mesmo ámbito territorial, pero alcanza o nivel B.

No capítulo da orientación internacional, os mellores indicadores da USC prodúcense nas publicacións realizadas en cooperación internacional e na mobilidade de estudantes (nivel B), cun incremento importante do indicador relativo á porcentaxe de títulos de doutoramento internacionais en función do volume de candidaturas.

U-Multirank
U-Multirank é una clasificación mundial multidimensional de universidades e escolas superiores, orientada aos usuarios e abarcando múltiples aspectos da educación superior como a investigación, a ensinanza e a aprendizaxe, a orientación internacional e a transferencia de coñecementos. Para a valoración dos principais indicadores das institucións universitarios, U-Multirank emprega múltiples fonte: a información proporcionada polas propias universidades, bases de datos sobre produción bibliométrica e patentes así como os resultados das enquisas realizadas entre máis de 105.000 estudantes das universidades participantes, aspecto que os promotores desta clasificación cualifican como “unha das maiores mostras internacionais de estudantes no mundo”.

A iniciativa da Comisión Europea, U-Multirank foi desenvolvido e posta en marcha por un consorcio independente liderado dende o Centre for Higher Education en Alemaña, o Center for Higher Education Policy Studies na Universidade de Twente e o Centre for Science and Technology Studies da Universidade de Leiden.

The contents of this page were updated on 03.31.2017.