Skip to main content

A Ponte presenta o seu programa de actividades para dar a coñecer a USC ante un cento de profesionais do Ensino Medio

Foto de familia cos participantes na sesión. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia cos participantes na sesión. FOTO: Santi Alvite
Os equipos directivos e de orientación coñeceron de primeira man as accións que a Universidade desenvolverá para presentar a súa oferta docente e de servizos ante o alumnado preuniversitario xa que “temos que seguir traballando na canteira”, afirmou o reitor Antonio López
Lugo, Santiago de Compostela

Coa participación de representantes de centros de ensino medio de toda Galicia, o programa 'A Ponte' iniciou este luns 16 o seu calendario de traballo para este curso, presentándolle aos equipos directivos e de orientación o programa previsto para este curso 23/24. O reitor Antonio López foi o encargado de abrir a sesión que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e na que tamén interveu a delegada para Asuntos de Ensino Medio da USC e coordinadora do programa, Maite Flores Arias. A mesma xuntanza desenvolverase este martes 17 no edificio Cactus do Campus de Lugo, ás 11.00 horas. Entre os dous campus, agárdase a participación dun cento de profesionais do eido preuniversitario.

“Sodes o enlace entre a Universidade e os futuros universitarios”, afirmou o reitor, “unha peza fundamental, temos que seguir traballando na canteira e esta atópase no Ensino Medio”, engadiu. Antonio López manifestou a súa preocupación ante a evolución demográfica e lembrou que no ano 2000, o Sistema Universitario de Galicia (SUG) posuía 90.000 alumnos/as, mentres que a cifra na actualidade sitúase arredor dos 60.000. “Sodes esenciais e por iso é necesario que dende o Ensino Medio coñezades o que somos e o que facemos na Universidade”. O Programa leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o curso 2003-04 e, ademais de dar a coñecer os seus estudos de grao, achega información sobre o contexto investigador, social, cultural e espacial da USC.

Programa

Así, a sesión serviu para dar conta do programa de actividades que A Ponte impulsa de cara ao presente ano académico. Deste xeito, o programa dá pulo, entre outras accións, a charlas temáticas nas que o profesorado da USC abordará contidos do seu ámbito docente e/ou investigador, dirixidas a estudantes de Bacharelato e Ciclos Formativos de grao Superior. A algunhas destas charlas tamén poden asistir estudantes de 4º de ESO daqueles centros que, ademais de Bacharelato e/ou Ciclos Formativos, tamén teñan estudantes de Ensino Secundario Obrigatorio. Máis de 150 profesores da USC participan este curso nesta iniciativa. Ademais, segundo os últimos datos dispoñibles, as charlas chegan a máis de 14.000 estudantes. O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC inclúe tamén entre as súas actividades as ‘Visitas da USC aos Centros de Ensino Medio de Galicia’ para presentar a Universidade ante o alumnado.

Doutra banda, ‘Os encontros do Ensino Medio na USC’ ofrecen aos estudantes preuniversitarios unha oportunidade de contacto coa Universidade, visitando os centros dos Campus de Lugo e Santiago para recibir información directa da oferta docente e de servizos da institución universitaria. Nestes encontros participaron o pasado curso un total de 3.101 estudantes de 63 centros de ensino secundario de toda Galicia que se suman aos preto de 4.000 que participaron nos Encontros virtuais na Zona USC. Esta última iniciativa en liña xurdiu durante a pandemia cando non se podía  acudir aos centros de xeito presencial e mantívose en anos sucesivos para que o alumnado interesado prema nas ligazóns que conduzan a aquelas titulacións que sexan do seu interese. Unha vez dentro, accede a un programa de videoconferencias que lle permite conectarse en liña para coñecer en directo todos os detalles da titulación e preguntar as dúbidas que desexe.

Finalmente, Monforte, Viveiro, Ribeira, O Barco de Valdeorras e Vilagarcía de Arousa foron as localidades ás que chegou o pasado curso a mostra ‘A USC Camiña. Xornadas de Achegamento á USC’, actividade itinerante que se desenvolve por distintas comarcas de Galicia e que chegou a máis de 1.500 estudantes. Esta actividade consiste nunha serie de postos informativos sobre as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, pero tamén sobre a investigación e os diferentes servizos relacionados coa vida universitaria intercalada con relatorios e mesas redondas.

Maite Flores e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
Maite Flores e Antonio López. FOTO: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 10.16.2023.