Skip to main content

A USC e o Sergas asinan dous convenios para o impulso da excelencia na docencia e investigación en Ciencias da Saúde

Foto: Xunta de Galicia
Foto: Xunta de Galicia

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron hoxe en San Caetano dous acordos de colaboración que buscan mellorar a excelencia do ensino teórico e práctico para as disciplinas integradas no eido das Ciencias da Saúde.

O primeiro dos acordos ten por obxecto o financiamento da redacción do proxecto básico do complexo dotacional de edificios de Ciencias da Saúde para o que o Sergas colaborará co financiamento dos custes con 428.511 euros. O segundo dos acordos refírese á dotación de 12 prazas de profesorado universitario en áreas de Ciencias da Saúde. Para este fin, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña destinará, no período 2017-2020, un total de 958.231 euros.

Formalízase así a colaboración entre a USC e o Sergas para o financiamento e dotación de prazas de persoal docente e investigador naquelas áreas ou servizos que, na actualidade, carecen destes recursos por mor das xubilacións producidas dende 2010. Se incrementa, deste modo, o número de efectivos de persoal con plena capacidade docente e investigadora. No exercicio orzamentario de 2021 a Universidade de Santiago financiará cos seus propios recursos estruturais esas 12 prazas de profesorado.

A Universidade de Santiago realizará a correspondente convocatoria de concurso público para a cobertura das prazas en áreas de coñecemento onde existe unha maior necesidade docente derivada das xubilacións de persoal vinculado: 6 na área de Medicina (Neuroloxía, Neumoloxía, Dixestivo, Medicina Interna, Reumatoloxía e Alergoloxía); 4 na de Pediatría; unha na de Cirurxía (Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía) e outra para Medicina Preventiva e Saúde Pública.

Na sinatura estiveron presentes, así mesmo, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; e o de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González.

The contents of this page were updated on 11.30.2017.