Casa do Saber
As persoas interesadas en participar na iniciativa artística promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural e dotada con 1.200 euros en premios, poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 2 de novembro a través do formulario habilitado en liña

A Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC alenta a creatividade entre a mocidade a través da convocatoria da quinta edición do Certame de Videocreación, unha iniciativa artística promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo e que repartirá 1.200 euros en premios entre as ters propostas máis valoradas polo xurado. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición en liña e de balde ata o 2 de novembro a través do formulario habilitado na web www.lugocultural.gal, que, deben remitir cuberto ao enderezo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es), ao que tamén se poden enviar as distintas propostas creadas ata as 13.00 horas do 22 de novembro. A cerimonia de entrega dos galardóns desenvolverase o 27 de novembro.
O V Certame de Videocreación, do mesmo xeito que en edicións anteriores, ofrece galardóns en distintas modalidades. Así, as persoas participantes poderán optar ao 'Premio á mellor linguaxe visual', dotado con 400 euros, no que se valorarán os aspectos estéticos da obra referentes á imaxe, iluminación e dirección artística, así como a montaxe e edición visual de cada peza; o 'Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria' dotado con 400 euros, no que se valorarán os aspectos literarios da obra referentes ao guión e uso da linguaxe escrita ou oral; e o 'Premio Araceli Herrero á mellor comunicación', dotado con 400 euros e que distingue a proposta que mellor englobe todos os aspectos comunicativos empregando diferentes linguaxes.
As obras presentadas a concurso deberán ser inéditas e orixinais. Cada unha das pezas pode ser realizada de maneira individual ou colectiva. Cada creación, cuxa duración non pode exceder de 5 minutos, debe incluír a cortina de inicio dispoñible en www.lugocultural.gal. Asemade, no caso de que a peza conteña linguaxe literaria oral ou escrita, valorarase positivamente a utilización do idioma galego. Cómpre asemade acreditar a autoría ou propiedade dos dereitos de calquera composición musical.
A USC reforza a súa aposta pola videocreación coa celebración de tres palestras creativas que impartirá Carmen P. Granxeiro os días 3, 10 e 17 de novembro, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber.