Chegan os primeiros estudantes que participan nos campus científicos de verán
Un ano máis a USC, xunto con outras 15 universidades con Campus de Excelencia Internacional seleccionadas polo Ministerio dada a calidade do proxecto presentado, participa nos Campus Científicos de Verán que traerán a Santiago durante o mes de xullo a 120 estudantes de toda España. Os trinta primeiros, que cursan bacharelato, chegaron esta mañá ao Colexio Maior Fonseca, onde foron recibidos polo profesor Luis Hervella Torrón, delegado do reitor para o ensino medio.
En Santiago formarán parte dos proxectos científicos ‘A sostenibilidade do ciclo da auga: Un dos retos do século XXI’, dirixido por Gumersindo Feijoo Costa; ‘Buscando partículas no maior acelerador da historia: HLC’, de Xabier Cid Vidal; ‘ maxia dos hidroxeles’, de Francisco Javier Otero Espinar, e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation, de Victoria Otero Espinar.
Dirixidos a alumnado de 1º de bacharelato e 4º de ESO, os campus pretenden fomentar a investigación científica de excelencia así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica favorecendo a transferencia do coñecemento en talento innovador e emprendedor especialmente entre os máis novos. Buscan ademais espertar vocacións científicas e avivar o interese tanto polo estudo das ciencias como pola actividade investigadora.
Os Campus Científicos de verán organízaos os Ministerios de Educación, Cultura e Deporte e de Economía e Competitividade e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) coa colaboración da Obra Social “la Caixa”.