Acto de recoñecemento da USC aos 597 estudantes coas mellores cualificacións nas probas de acceso á universidade
A USC organiza este venres 30 un acto de recoñecemento ao estudantado que acadou unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade na convocatoria de xuño de 2017. O reitor Juan Viaño presidirá este acto que comezará ás 18.00 horas no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia coa participación de 597 estudantes de 179 centros de ensino medio de toda Galicia. Serán un total de 347 rapazas e 250 rapaces que acudirán acompañados dos seus familiares e de representantes dos centros nos que cursaron o Bacharelato.
Nesta sesión intervirán David Montoto Pintos, do IES de Cacheiras, en representación do alumnado; do director do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Carlos Ferreiro González, en nome dos centros; e o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios. O alumnado recibirá un diploma, en recoñecemento ao seu esforzo co desexo de que manteñan a mesma liña de traballo en cursos vindeiros.
Completarán a mesa presidencial as vicerreitoras de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes; de Comunicación e Coordinación, Rosa Crujeiras; de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; e de Servizos Universitarios, Mª do Carme Silva; o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella; e o coordinador do programa A Ponte do Campus de Lugo, Javier López González.