Skip to main content

Resoltos os XII Premios á calidade lingüística dos proxectos fin de carreira e traballos de fin de grao e máster

Os Premios á calidade lingüística da USC xa teñen gañadores. Nesta edición, ao chamado presentáronse 91 Traballos de fin de grao (8 en Artes e Humanidades, 18 en Ciencias, 29 en Ciencias da Saúde, 28 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 8 en Enxeñaría) e 34 de fin de máster (3 en Artes e Humanidades, 2 en Ciencias, 3 en Ciencias da Saúde, 23 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 3 en Enxeñaría e Arquitectura).

Dotados con 300 euros e diploma, resultaron gañadores dos cinco premios para os traballos fin de grao: Miguel Martínez Cabaleiro, do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, polo traballo Mudanzas poboacionais de Eisenia sp. e cambios no nivel de nutrientes en tres substratos orgánicos, e Diego Carracedo Conde, do grao en Enxeñaría Informática, por Sistema de automatización de probas en proxectos de Intelixencia de Negocio, ambos ex aequo na área de Enxeñaría. Na de Ciencias Sociais e Xurídicas, o premio recaeu no traballo A importancia da intermediación financeira para o crecemento económico. Teoría e evidencia empírica internacional de Fernando Riveiro Formoso, grao en Economía, mentres que na de Ciencias foi para Técnicas de clasificación, de Fernando Castro Prado, grao en Matemáticas.

En Ciencias da Saúde, o xurado outorgoullo a Marina Rego García, de Farmacia, por Vacinación oral fronte a enfermidades infecciosas, mentres que na área de Arte e Humanidades, igualmente ex aequo, resultados premiados Celtia Rey Brandón, grao en Lingua e Literatura Galegas, por Formación de interxeccións e marcadores do discurso sobre verbos de movemento en galego; Carlos de Francisco Mantiñán, de Historia, co traballo O desenvolvemento industrial galego; e Alba María Rodríguez Díaz, grao en Lingua e Literatura Galegas, por A improvisación oral galega: o brindo ou loia como obxecto de estudo.

Traballos Fin de Máster
Os cinco premios para os TFM, dotados con 500 euros e diploma, son para Katia Estalote Lago, do mestrado de Enxeñaría Agronómica (Área de Enxeñaría) por Control dimensional mediante correlación dixital de imaxes do ensaio de tracción paralela á fibra en madeira; Ana Belén Buíde Carballosa, do mestrado en Técnicas Estatísticas (Ciencias), por Optimización baixo incerteza en redes de gas; Cristina Núñez Ouzande, do mestrado en Estudos Avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías (Ciencias da Saúde) por Relación da produción de vocabulario coa complexidade gramatical; e para Claudia Mariño Gómez, do mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura (Humanidades) por Literatura galega e poscolonialidade: a obra de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Na Área de Ciencias Sociais e Xurídicas o premio foi concedido ex aequo aos traballos Aproximación creativa ao ensino do vocabulario na clase de inglés de Secundaria: reflexións teóricas e proposta de actividades lúdicas, de Mercedes Martínez Lorenzo, do mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatorio, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas; para Avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán de alumnado galegofalante e castelán falante de 4º da ESO, de Tamara Rial Montes, do mesmo mestrado, e para Conflitos de contido ambiental: unha análise xeográfica de dous casos en Galicia , de Diego Cidrás Fernández, do mestrado en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial.

Os galardóns seranlles entregados oficialmente nun acto académico oficial a principios do vindeiro ano, onde tamén se fará entrega dos premios á calidade dos traballos académicos. O xurado engade que “as habilidades comunicativas e a competencia lingüística en galego do estudantado da USC semellan moi satisfactorias, á vista dos orixinais presentados, que lle ocasionaron non poucas dificultades ao xurado para poder elixir os mellores”.

A convocatoria pretendía fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Concretamente, incentiva nos estudantes o desenvolvemento dunha habilidade comunicativa como é a presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal, o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño ou a coherencia en galego.

The contents of this page were updated on 10.31.2017.