Investigadores do Campus Terra da USC participan este luns 30 de outubro, a partir das 11.00 horas, na sede do Ibader, na xornada de presentación do volume, no marco da que tamén se dará conta dos resultados desta liña de traballo

O director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), Pablo Ramil Rego, e a delegada para o Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, presentan este luns 30 de outubro, a partir das 11.00 horas, a monografía ‘Dende a produción á panificación do trigo ‘Caaveiro’ en cultivo ecolóxico vs. convencional’, no marco dunha xornada de divulgación dos resultados desta liña de investigación promovida polos catedráticos da USC Ángeles Romero e Santiago Pereira, que tamén son membros da Cátedra do Pan e do Cereal, na que tamén intervirá, entre outros relatores o xefe de sección de Investigación do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).
O enxeñeiro agrónomo de Sementares Fernando Almeida abrirá, logo da presentación deste novo libro arredor do trigo ‘caaveiro’, a palestra de intervencións cun relato sobre o proceso de avaliación agronómica e produtiva do trigo. De seguido, os profesores da área de Zooloxía da USC na EPS de Enxeñaría Teresa Rodríguez López e José Carlos Otero González tratarán sobre a necesidade de estudo da entomofauna dos cultivos agrícolas.
A importancia do control xenético das fariñas na trazabilidade centrará a temática sobre a que tratarán Santiago Pereira e tamén profesora na USC Ana María Ramos Cabrer. A xornada de presentación de resultados continuará con breves exposicións sobre a relevancia do control microscópico de fariñas na trazabilidade, a importancia da análise nutricional de fariñas e pan, e da análise sensorial no control dos pan, a cargo de Matilde Lombardero Fernández, Nerea Fernández Canto e Belén García Gómez, respectivamente.
O profesor da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC Ibán Vázquez González pechará a quenda de intervencións cun relatorio sobre o interese do trigo e do pan galego no actual contextgo agroecolóxico, ao tempo que fará unha comporativa económica entre a produción de trigo ecolóxica fronte á convencional.