Skip to main content

Ciencias da Educación reivindica a súa imprescindible función social no día do seu patrón

Ciencias da Educación reivindica a súa imprescindible función social no día do seu patrón
Ciencias da Educación reivindica a súa imprescindible función social no día do seu patrón

Fronte a “elocuentes” discursos sobre o valor estratéxico da educación, “que non se acompañan de medidas decididas e coherentes de apoio á labor dos profesionais da educación”, a decana de Ciencias da Educación, Carmen Fernández Morante, reivindicaba hai uns días na celebración do patrón da Facultade, Frei Martín Sarmiento, a “irrenunciable e imprescindible” función do centro na sociedade.

A decana pronunciaba estas palabras nun acto académico no que se destacaba a traxectoria profesional de José Manuel Touriñán López e María Jesús Salinas Portugal, que recibían os Sarmientos de Honra, apadriñados polos tamén docentes da USC Miguel Santos Rego e Lois Ferradás Blanco, e no que a catedrática da USC da área de Didáctica das Ciencias Experimentais e membro da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, pronunciaba a conferencia ‘Pensamento crítico, teoría crítica e sustento nas probas’.

De José Manuel Touriñán, da área de Teoría e Historia de la Educación, a decana destacou o seu papel de defensa da educación desde contextos e responsabilidades moi diversas, “o que permitiu visibilizar a Pedagoxía e demostrar o seu valor científico e social”. Pola súa banda, a profesora María Jesús Salinas comprometeu a súa traxectoria no estudo e desenvolvemento de metodoloxías didácticas para o ensino da matemática, “lembrándonos sempre que o fin último da nosa profesión é o alumnado e o seu dereito a unha formación de calidade”.

No mesmo acto, que presidiu a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, fíxose ademais unha entrega simbólica de diplomas dos Premios Extraordinarios de Grao e Máster do centro no curso 2015/2016 a Raquel Pichel Beleiro, Lidia Fernández Touceda, Belén Quintana Río, María Formoso Silva, Esteban Casas Vázquez, Antía Cores Torres, Sara Calo Mendoza, Xoel Gutiérrez Roca e Inés Mosquera Bargiela.

The contents of this page were updated on 03.16.2017.