O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadoras repartirá máis de 11.000 euros en premios

Viabilidade, grao de innovación, volume de emprego proxectado, multidisciplinariedade do equipo promotor, fomento da igualdade ou relación coa lingua galega. Estes son os aspectos que o xurado do XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores ponderará na valoración das propostas presentadas a concurso. A convocatoria permanecerá aberta ata o 9 de maio.
A través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e en colaboración coa incubadora Uninova, a USC busca así impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por universitarios/as, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. Ao concurso poderán presentarse propostas impulsadas por estudantes de grao ou máster así como egresados/as nos últimos tres cursos en calquera área de coñecemento e que, individual ou en equipos, teñan un proxecto empresarial innovador con potencialidade para converterse en empresa. Tamén poderán optar doutores/as, doutorando/as, persoal investigador e alumnado de terceiro ciclo que desenvolvan actividades de investigación na USC; Persoal de Administración e Servizos; ou empresas xa constituídas ao longo de 2015 e 2016 e durante o período de 2017 comprendido entre o 1 de xaneiro e a data de publicación das bases ou que prevean constituírse ao longo deste ano.
Premios
A convocatoria contempla 11.000 euros en metálico. Así, os de Empresa de Base Tecnolóxica e Empresa Start-up recibirán 2.000 euros cada un; os outorgados aos mellores Proxecto Empresarial EBT e Start-up recibirán igualmente outros 2.000 cadanseus premios e as súas respectivas bolsas BoosterWE; o premio Muller Emprendedora, 2.000 euros; e o Premio á Promoxión da lingua galega, unha dotación de 1.000 euros.
Á dotación en metálico hai que sumar o acceso gratuíto á incubadora do edificio Emprendia durante 6 meses, para todos os proxectos gañadores. Ademais, a AVTE facilitará, tanto a proxectos como empresas gañadoras que os soliciten, reunións de contacto coas entidades inversoras que colaboran con este concurso, Unirisco e Xesgalicia. Igualmente e en particular as empresas gañadoras poderán participar nos foros de inversión organizados por Igape e Xesgalicia. Tanto finalistas como gañadores/as poderán presentarse coa súa proposta ao programa Erasmus for Young Entrepreneurs da Comisión Europea, e do que Uninova é organismo intermedio. Este é un programa que financia estadías formativas en pequenas e medianas empresas en diferentes países da Unión Europea para novos emprendedores ou emprendedoras.
Documentación
Ademais do currículo das persoas que promoven as propostas, será preciso presentar unha memoria descritiva do proxecto que incluirá o título e unha descrición, sector ao que se dirixe (características e tendencias), produtos ou servizos a ofertar, análise da competencia, plan comercial e de mercadotecnia, recursos humanos, plan de investimentos e financiamento e conta de resultados, todo contemplado nun horizonte temporal de tres anos. O persoal técnica da AVTE e Uninova estará a disposición das persoas interesadas para axudalas na elaboración dos proxectos.
As persoas finalistas realizarán unha exposición presencial dos seus proxectos empresariais ou empresas ante o xurado do concurso, que integrarán representantes das entidades colaboradoras da convocatoria, así como por persoas expertas en innovación empresarial. A súa composición concretar publicarase no taboleiro de anuncio do edificio Emprendia.