Skip to main content

Os conselleiros de Educación de Galicia e Castela e León visitan as instalacións do Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC

Rubén Nogueiras explica aos conselleiros detalles das investigacións realizadas no CiMUS en presenza da vicerreitora Isabel Rodríguez-Moldes, Pilar Garcés e Miguel López. Foto: Xunta de Galicia
Rubén Nogueiras explica aos conselleiros detalles das investigacións realizadas no CiMUS en presenza da vicerreitora Isabel Rodríguez-Moldes, Pilar Garcés e Miguel López. Foto: Xunta de Galicia

O Centro de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC recibiu este martes a visita do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Ramón Rodríguez, e do seu homólogo de Castela León, Fernando Rey. Acompañaban aos conselleiros o secretario xeral de Universidades de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a directora xeral de Universidades e Investigación de Castela e León, Pilar Garcés, e a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta, Mª Jesús Tallón. A vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, Isabel Rodríguez-Moldes fixo de anfitriona dos visitantes, interesados no “impulso de Galicia á excelencia e á internacionalización dende as grandes estruturas científicas como é o CIMUS”.

Os investigadores Rubén Nogueiras e Miguel López, líderes de dous proxectos Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, participaron na visita para realizar unha descrición das características xerais do centro así como das súas respectivas liñas de traballo nos laboratorios do centro. Na mesma xornada, Mabel Loza mostrou as plataforma de screening farmacéutico, aludindo tamén á visión do centro en materia de transferencia de coñecemento.

O CiMUS é unha das cinco estruturas universitarias de Galicia recoñecidas pola Xunta como centro de investigación singular da comunidade nunha convocatoria o pasado mes de decembro na que tamén distinguiu outras dúas agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario Galego (SUG). Segundo se puxo de manifesto na visita deste martes ás instalacións do Campus de Excelencia Internacional da USC os centros singulares e as agrupacións estratéxicas “son as mellores unidades de referencia do SUG e representan a excelencia do modelo de investigación universitario galego”.

En concreto e a maiores do CiMUS, completan o conxunto de centros de investigación singulares o CiQUS da USC; o CINBIO e ECIMAT de Vigo, e o CITIC da Coruña. As denominacións de agrupacións estratéxicas consolidadas recibíronas o CiTIUS da USC e AtlantTIC de Vigo. Como se puxo de manifesto na visita ao centro compostelán, estas sete unidades de referencia realizan “un importante traballo científico, tanto a nivel de xestión como de resultados. De feito, cómpre destacar a súa alta capacidade de captación de proxectos de investigación, máis de 63 millóns de euros entre 2013 e 2015 e a aposta pola transferencia de resultados, dado que as diferentes investigacións destes centros xeraron preto de 28 millóns de euros” sinalou nun comunicado a Consellaría de Cultura.

De esquerda a dereita, Alberto Díez, Isabel Rodríguez-Moldes, Pilar Garcés, Fernando Rey, Román Rodríguez, Miguel López, Rubén Nogueiras e Mª Jesús Tallón.

The contents of this page were updated on 03.14.2017.