Skip to main content

Ciencia Singular

11.25.2023 | 10.00h-20.00h

Santiago de Compostela
CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE

O sábado 25 terá lugar a xornada de portas abertas de CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE

Ciencia Singular achega a toda a cidadanía as investigacións máis punteiras
Ciencia Singular achega a toda a cidadanía as investigacións máis punteiras

As portas da Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abriranse á cidadanía este sábado 25 de novembro, nunha nova edición da xornada Ciencia Singular. Persoas de todas as idades percorrerán as instalacións do CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve día a día neles. Estes centros forman tamén parte da rede CIGUS, que integra aqueles centros cuxa calidade e impacto da investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes descubrirán a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular ou a física. Con este programa, Ciencia Singular procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano.

CiQUS

No Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) máis de 80 persoas, incluíndo investigadores sénior e júnior, voluntarios e técnicos do centro unirán esforzos para achegar a Química aos cidadáns. Quen visite o CiQUS poderá coñecer de primeira man a investigación de vangarda que leva a cabo o laboratorio de catro investigadores do centro que obtiveron o respaldo do prestixioso Consello Europeo de Investigación (ERC): José Luis Mascareñas, Diego Peña, Beatriz Pelaz e Javier Montenegro.

A maiores, os asistentes verán recunchos de ciencia que abordarán cuestións tan interesantes como o transporte de biomoléculas, os materiais bioinspirados e a simulación molecular. Como é habitual, haberá tempo para percorrer as instalacións do centro e coñecer as principais técnicas instrumentais e as súas aplicacións, mentres os cativos gozan xogando coa ciencia nos obradoiros infantís.

CiMUS

O Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) ofrecerá aos máis novos a oportunidade de mergullarse na ciencia a través dos "Obradoiros Ciencia Divertida". Os nenos e nenas de 6 a 11 anos poderán participar en actividades coma a elaboración de dentífrico natural ou explorar o mundo das células animais e vexetais a través do microscopio. O programa tamén incluirá charlas divulgativas para todos os públicos, que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do CiMUS. Entre os temas destacados atópanse os proxectos "Xenoma Humano" (Ángel Carracedo), a rexeneración cerebral (Jannette Rodríguez), a obesidade e enfermidades asociadas (Rubén Nogueiras), e as defensas do corpo humano (Iria Gómez).

E o público adulto terá a oportunidade de visitar o laboratorio da plataforma Innopharma, así como obradoiros que ofrecerán experiencias en áreas como o sistema nervioso e a figura científica de Santiago Ramón y Cajal, a utilidade de imaxes infrarroxas no estudo da graxa parda, a estrutura e funcionamento do corazón, como o cerebro nos engana coas ilusións ópticas, a farmacoxenética e o proxecto do centro que participa na campaña de mecenado "Sumo Valor" da USC: “Loitando contra a calcificación vascular” para previr enfermidades cardiovasculares.

CiTIUS

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) compartirá un completo programa de actividades para toda a familia. Así, as intelixencias artificiais que aprenden galego ou son quen de transformar a nosa propia voz, convivirán con viaxes de Realidade Virtual polo mundo molecular, robots que imitan o sentido do tacto humano, microchips que aprenden e toman decisións ou tecnoloxías capaces de detectar e seguir automaticamente distintos obxectos. O programa complétase con catro charlas de divulgación sobre usos e aplicacións da Intelixencia Artificial.

IGFAE

Desde o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, o persoal contará como se desenvolve a investigación nas diversas áreas da física nas que traballa. Así, as charlas divulgativas abordarán as novas fronteiras da astronomía de raios cósmicos e ondas gravitacionais (Verónica Villa e Yago Lema), o misterio dos neutrinos (Diego Costas e Lidia Carcedo), o asombroso universo cuántico (Jose Edelstein) ou as claves dos detectores de partículas máis potentes do mundo (Iván Cambón e Alicia Muñoz).

Por outra banda, os obradoiros infantís (de 6 a 12/13 anos), mesturarán a papiroflexia coa electrónica, ensinarán a rapazada a crear hologramas e axudarán a experimentar a gravidade a través dun videoxogo. Ademais, para o público xuvenil e adulto, as persoas que se acheguen ao IGFAE terán un amplo abano de actividades lúdicas: converteranse en ‘partículas humanas’ a través dun xogo, observarán raios cósmicos a través da realidade virtual, rexistrarán a radiación que nos atravesa usando un detector portátil, coñecerán como funciona un ordenador cuántico,  visitarán o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións e aprenderán como se distribúen os núcleos atómicos en tres dimensións grazas ás pezas LEGO.

The contents of this page were updated on 11.23.2023.