'Da tradición aos nosos días' é a temática do concerto de Nadal deste ano, no que actúan por primeira vez xuntos a Orquestra e o Coro Universitarios

Como cada ano, a Orquestra da Universidade ofrécenos o seu concerto de Nadal; desta vez, farao xunto co Coro da Universidade, que desde este curso 2023/2024 pasa a estar dirixido por Mario Diz, tamén director da orquestra universitaria. Será a primeiro vez que a Orquestra Universitaria e o Coro Universitario actúen xuntos.
O programa do concerto ten como temática 'Da tradición aos nosos días' e incluirá pezas de diferentes lugares, case todas elas cunha orixe común dentro da música tradicional. A idea é amosar unha humanidade certamente común a pesar das diferentes diversidades xeográficas e culturais, entre outras.
Poderase escoitar a 'Fuga Xeográfica' de Ernst Toch (coro só), o 'Concerto para contrabaixo e orquestra' de Botesini (solista Dina Durán, contrabaixista da orquestra), as 'Danzas Húngaras' de Johannes Brahms (nº 2 e 5), 'Os teus ollos' (coro e orquestra) de X. Castro Chané, sobre a letra de C. Enríquez e orquestración de Mario Diz, as 'Danzas Rumanas' de Bela Bartok, 'Veni veni Emanuel' (coro só), anónima gregoriana, e 'Huapango' de Pablo Moncayo.
O concerto é o domingo 17 de decembro ás 19.30 horas na Igrexa da Universidade. Previamente haberá un ensaio xeral ás 12.00 horas do mesmo día.
A entrada tanto para o concerto como para o ensaio é de balde ata completar a capacidade. Para ter asento de cadeira, haberá que recoller entrada ás 18.00 horas do mesmo día na Igrexa da Universidade.
