O ciclo ‘Xeomática e café’ bota a andar na EPS do Campus Terra o xoves 30 cun foro sobre enxeñaría e cooperación
proxecto ‘Xeomática e café’, unha iniciativa promovida pola delegación territorial de Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica, botará a andar o xoves 30 de marzo, a partir das 12.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, en Lugo.
A primeira sesión deste ciclo, estruturado nunha serie de encontros informais con perspectiva de réplica en diversas cidades e a través dos que se pretende divulgar contidos profesionais, científicos e académicos de carácter transversal e de interese para o ámbito da arquitectura e enxeñaría, especialmente para a enxeñaría en Xeomática e Topografía.
O obxectivo de 'Xeomática e café' é o de crear sinerxías entre os participantes, fomentado a dimensión multidisciplinar nos grupos de traballo e o debate. Deseñar estratexias acaídas aos contextos actuais de comunicación virtual e de tecnoloxías en constante avance é outro dos cometidos cos que nace este proxecto. A primeira sesión deste programa contará como relator con Marcos Rial Docampo, graduado en enxeñaría en Xeomática e Topografía e voluntario do Grupo Agro de Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF) desde 2016.
Rial Docampo falará, arredor dun bo café, da súa experiencia en cooperación internacional a través do programa "Coñecemento da realidade", promovido por ESF, e da súa estadía no Golfo de Fonseca (Honduras), onde participou como colaborador en proxectos de soberanía alimentaria e fortalecemento de asociacións locais.
O Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da USC, o colectivo da USC Proxéctate en Galego, a propia ONG Enxeñaría Sen Fronteiras (ESF), a Escola Politécnica Superior da de Lugo e o Campus Terra da USC son algunhas das entidades que colaboran co a delegación territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica no desenvolvemento do proxecto 'Xeomática e café'.