12.13.2023 | 12.30h-14.00h
A charla abranguerá as últimas investigacións sobre a anotación automatizada de táboas tendo en conta os grafos de coñecemento existentes

A profesora Anastasia Dimou pronuncia este mércores 13 ás 12.30 horas unha conferencia no Salón de Actos do CiTIUS. O tema son os métodos que se seguiron ata o de agora para anotar (semi)automaticamente táboas e a súa relación cos métodos declarativos para crear grafos de coñecemento a partir de datos semiestruturados. A charla abranguerá as últimas investigacións sobre a anotación automatizada de táboas tendo en conta os grafos de coñecemento existentes, como Wikidata, así como os modelos lingüísticos que gañaron o premio do desafío SemTab deste ano -un desafío que compara sistemas que comprenden e anotan táboas automaticamente-. Así mesmo debaterase como esa solución automatizada pode combinarse con métodos declarativos para a construción e validación de grafos de coñecemento, así como como aproveitar esta solución para enriquecer un grafo de coñecemento sobre algoritmos de aprendizaxe automática.
Anastasia Dimou é profesora asistente titular de Aprendizaxe Automática e Intelixencia Artificial para solucións eficientes en custos e datos desde setembro de 2021 na unidade de Linguaxes Declarativas e Intelixencia Artificial (DTAI) do Departamento de Ciencias da Computación da Universidade Católica de Lovaina, onde actualmente dirixe un equipo de oito membros.