Skip to main content

A Fundación USC Deportiva organiza unhas xornadas de iniciación ao sendeirismo e baixa montaña

A Fundación USC Deportiva organiza unhas xornadas de iniciación ao sendeirismo e baixa montaña
A Fundación USC Deportiva organiza unhas xornadas de iniciación ao sendeirismo e baixa montaña

Aínda que camiñar é unha actividade sinxela e innata, facelo correctamente dende un punto de vista deportivo ten as súas particularidades. Así, a Fundación USC Deportiva organiza a finais de abril en Santiago unhas xornadas de iniciación ao sendeirismo e baixa montaña que permita ás persoas con afección a saír a camiñar gozando da natureza poida facelo coa mellor preparación posible.

O alumnado destas xornadas poderá coñecer todas as cuestións relacionadas cos materiais adecuadas para a práctica do sendeirismo e baixa montaña, técnicas de progresión, cartografía, orientación e, en xeral, todos aqueles aspectos que redunden na planificación máis segura das saídas. A xornada divídese en catro bloques, nos que quen se inscriba poderá facelo de forma particular ou no seu conxunto: introdución, materiais e conceptos teóricos (6 horas), técnicas de progresión (3 horas), cartografía e orientación (8 horas) e unha xornada práctica no Pindo (8 horas).

Impartirá o curso Víctor Fidalgo, técnico da Fundación USC Deportiva para Condución de actividades físico-deportivas no medio natural e guía das actividades de sendeirismo organizadas pola USC. Todas as persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Fundación USC Deportiva (www.fundacionuscdeportiva.org). Dado que o número de prazas é limitado, ata un máximo de 15 participantes, a organización do curso recomenda realizar a reserva de praza o antes posible xa que se respectará rigorosamente a orde de inscrición para a súa adxudicación.

The contents of this page were updated on 03.29.2017.