Skip to main content

Estudantes da USC informarán da campaña de micromecenado de biopsia líquida

A asociación universitaria Science USC organiza este mércores 29 unha acción informativa de apoio á campaña de micromecenado de biopsia líquida do grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomed) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) do que participa a USC.

Trátase de desenvolver un proxecto de investigación dirixido a caracterizar distintos tumores a través de mostras de sangue (biopsia líquida) de doentes oncolóxicos de Galicia co obxectivo de estudar a súa evolución e obter información sobre os mecanismos polos cales se produce a metástase ou se activan resistencias aos distintos tratamentos.

A acción que o estudantado da USC organiza este mércores ás 17.00 horas, apoiado por varias asociacións de estudantes, non só de Medicina, consistirá nunha performance na Praza do Obradoiro e unha mesa na que se ofrecerá información sobre a técnica da biopsia líquida, as súas vantaxes así como as diversas maneiras de colaborar coa campaña.

Biopsia líquida
A biopsia líquida comezou a empregarse recentemente en oncoloxía e vai ser de enorme utilidade en clínica nun breve período de tempo. Simplemente cunha análise de sangre, os oncólogos poden saber a que tipo de tumor se ten que enfrontar. Ademais, a través do seu estudo pode facerse unha caracterización dinámica dos cambios que teñen lugar no tumor ao longo do tempo, permitindo así elaborar un tratamento máis personalizado para cada doente e para cada momento da doenza.

The contents of this page were updated on 03.28.2017.