Skip to main content

Exposición 'A educación ten faciana de Muller'

12.13.2023-01.15.2024

A mostra percorre a traxectoria de mestras e pedagogas para deconstruír a pegada androcéntrica do ensino

Alumnado que participou no proxecto
Alumnado que participou no proxecto

A exposición 'A educación ten faciana de Muller', elaborada polo alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar do grao en Mestra/e de Educación Primaria, poderase ver ata o vindeiro 15 de xaneiro na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte compostelán. A mostra percorre a traxectoria de mestras e pedagogas para deconstruír a pegada androcéntrica do ensino e facer visibles figuras que, malia vivir no ostracismo social e cultural, formaron parte da historia da educación.

O proxecto de aprendizaxe-servizo 'A educación ten faciana de Muller' circunscríbese á materia de Teoría e Historia da Educación Escolar, na que o alumnado realiza unha viaxe desde as principais figuras pedagóxicas da ilustración ata referentes da contemporaneidade, nun eido no que aínda que na actualidade a historiografía é ampla, a atención ás mulleres que contribuíron a sentar as bases do fenómeno educativo é aínda escasa. Trátase de mestras e/ou, pedagogas no eido da educación, que son absolutas descoñecidas para a maioría do alumnado, pese a que o ensino en particular e a educación en xeral son espazos tradicional e estereotipicamente asignados ás mulleres.

Desta forma, o proxecto non só trata de comprometerse con esta realidade vinculada á pedagoxía feminista, senón que vai mais aló: dá resposta a unha necesidade social e educativa, a de educar dende perspectiva de xénero para deconstruír a pegada androcéntrica neste eido e dunha maneira transversal nas titulacións educativas, que seguen rexidas por referentes masculinos. A materialización desta proposta deriva na elaboración de pósteres por parte do alumnado nos que se achegan datos de mulleres referentes da educación na nosa contorna máis próxima. O proxecto conta con financiamento da Comisión de Cultura e Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e a mostra será exposta posteriormente en varios centros educativos da cidade de Santiago.

The contents of this page were updated on 01.09.2024.