Skip to main content

Presentación do número 45 de 'Dorna'

02.01.2024 | 18.30h-20.30h

Santiago de Compostela
Salón de Graos

Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite

Este xoves 1 de febreiro preséntase ás 18:30h no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía o número 45 da revista Dorna. Expresión poética galega. No acto participarán o decano da Facultade, Elías Torres Feijó, como anfitrión, así como a directora da revista, María Xesús Nogueira; a secretaria do Departamento de Filoloxía Galega, ao que está vencellado a revista, Felisa Rodríguez Prado; o director de Edicións USC, quen edita a publicación, Juan L. Blanco Valdés, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

A presentación contará tamén cunha parte de recital poético no que participarán diversas voces que forman parte do número 45 como Afra Torrado, Antía Otero, Lois Pérez e Keith Payne. No acto estarán as catorce imaxes que creou Emma Pedreira para o número 45 en exposición no Salón de Graos. A serie Autonavegación propón unha colaxe de técnica mixta que contén, cada unha, un verso dun dos libros de poesía de Pedreira.

Dorna. Expresión poética galega é unha revista anual fundada en 1981 e editada dende entón pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Xunta de Galicia. Trátase da única publicación miscelánea e periódica de poesía que se publica en Galicia, co obxectivo de ofrecer unha canle editorial aos autores e ás autoras noveis con arelas no cultivo lírico da lingua galega, aínda que tamén recolle con frecuencia a voz de poetas de sona.

A revista incorpora sistematicamente tres seccións: Creación, onde se inclúen os poemas orixinais e inéditos dos colaboradores de cada volume; Voces de Fóra, sección de traducións para lingua galega, que se ofrecen a carón dos poemas na lingua orixinal, de poetas contemporáneos de todas as latitudes; e Poéticas onde diferentes voces da literatura galega relevantes exploran a súa escrita nun formato a medio camiño entre o ensaio e poesía.

Portada do número 45 da revista 'Dorna'
Portada do número 45 da revista 'Dorna'
The contents of this page were updated on 01.31.2024.