Skip to main content

A proxección do documental ‘Os días afogados’ e un coloquio cos seus directores abre os ‘Xoves de Moda’ na Casa do Saber

Fotograma do documental audiovisual 'Os días afogados'
Fotograma do documental audiovisual 'Os días afogados'
A sesión, programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, desenvolverase este xoves a partir das 21.00 horas. A entrada é libre e de balde ata completar aforo

A proxección do documental ‘Os días afogados’, unha produción audiovisual dirixida por Luis Avilés e César Souto e que foi merecedora dun Mestre Mateo en 2016, abrirá este xoves, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo Xoves do Moda, incluído na programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento do Concello e da Deputación Provincial de Lugo ademais de da USC.

‘Os días afogados’ narra o conflito que viviron os veciños das aldeas de Aceredo e Buscalque (Lobios), anegadas pola construción do encoro de Lindoso en 1992, nun duro proceso de expropiación forzosa das súas vivendas e terreos. Anos antes, os mesmos veciños, conscientes de que todo estaba a piques de perderse, coas súas cámaras domésticas empezaron a gravar. Boa parte do material que retrata o último alento da vida desas aldeas conforma as imaxes máis poderosas deste documental que contrapón o poderoso arquivo doméstico co retrato desas persoas, máis de vinte anos despois, nunha ollada sobria e cercana, entre o íntimo, o político e o existencial.

Esta longametraxe constrúe un relato que funde o pasado co presente a través dos vídeos gravados polos propios veciño, pero transcende a destrución destas aldeas. De feito, ‘Os días afogados’ amosa aínda hoxe o grave problema do despoboamento das áreas rurais ante a ausencia de relevo xeracional. Sobre estas cuestións poderá falar o público presente cos directores deste filme unha vez rematada a proxección.

The contents of this page were updated on 03.08.2017.