Skip to main content

O ciclo Novos Talentos Musicais continúa este sábado no Paraninfo

O ciclo Novos Talentos Musicais continúa este sábado no Paraninfo
O ciclo Novos Talentos Musicais continúa este sábado no Paraninfo

O Paraninfo da Universidade acolle este sábado 11 ás 12.00 horas un novo concerto do ciclo Novos Talentos Musicais que co organizan a USC e Compostela Sound. Nesta ocasión, actuarán a violinista Lourdes Olbés Corujo, o pianista Carlos Julián Fernández Bollo e o dúo ‘Dúo Índice’ composto polos irmáns Alfonso (saxofón) e Ana (piano) Huerta Fernández.

Lourdes Olbés
Comezará Lourdes Olbés, acompañada ao piano de Alina Pociute, cun repertorio de pezas de Bach, Kreisler e Bruch. Esta pontevedresa nada en 1998 comezou os seus estudos de violín na súa cidade natal para logo continuar no Conservatorio Superior de Música de Vigo, o que compaxina coa especialidade de viola de gamba. Participou en numerosos encontros orquestrais e colaborou, entre outros, co grupo de Música Antiga Martín Códax e co coro Ultreia de Pontevedra. Actualmente é membro activo da Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia.

Lourdes estará acompañada ao piano pola lituana residente en Galicia Alina Pociute, que ten no seu haber numerosos premios internacionais. Na actualidade é profesora de piano e pianista acompañante no Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

Dúo Índice
A continuación, o Dúo Índice interpretará pezas de B. Heiden, J. Naulais e P. Iturralde. Composto por dous irmáns lugueses, a maior, Ana, é titulada en Grao Profesional de Música e hoxe cursa o Superior en Asturias. Desde a súa creación en 2013, forma parte da Banda Filharmónica de Lugo e colaborou acompañando ao piano co Orfeón Lucense e o Grupo Sólo Voces.

Pola súa banda, Alfonso Huerta cursa hoxe o Grao Profesional, especialidade Saxofón, no Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo. É tamén membro da Banda Filharmónica de Lugo e colabora coa de música da Asociación Sierense de Amigos da Música (Asturias).

O recital rematará coa actuación de Carlos Julián Fernández (Mugardos, 2000), que interpretará a sonata para piano nº 17 op. 31 n.2 coñecida como ‘A tempestade’. Este pianista, que cursa na actualidade o grao profesional, foi merecedor de varios premios galegos e desde o ano 2015 colabora activamente en numerosos festivais e concertos.

The contents of this page were updated on 03.10.2017.