Skip to main content

Conferencia de Teresa Moure: 'Subalternidade e lingüística feminista'

02.27.2024 | 19.00h-21.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite

A profesora da USC Teresa Moure ofrece este martes 27 de febreiro a conferencia 'Subalternidade e lingüística feminista' na Facultade de Filosofía a partir das 19.00 horas. Organizada polo mestrado en Filosofía: Coñecemento e Cidadanía, desenvolverase no Salón de Actos da Facultade.

Nela, a conferenciante lembrará que como todas as disciplinas académicas, a lingüística ten sido cega ao xénero e "de feito, as alternativas ao masculino entendido como universal teñen, aínda hoxe, que enfrontar un prescriptivismo rancio, envolto en exercicios de poder e opresión. A pesar de que a lingüística estrutural –paradigma doutras ciencias sociais– nace en 1916, cando en Occidente as mulleres xa accederan á Universidade, e de que se trate dunha especialidade claramente feminizada, os manuais non rexistran referentes femininos, nin sequera nas escolas contemporáneas".

Deste xeito, "alén das reivindicacións feministas, pode demostrarse que o conxunto dos saberes lingüísticos apenas permitiu a entrada de suxeitos subalternos, con perfís diferentes do modelo canónico de “científico”. Unha revisión crítica acorde cos valores éticos actuais debe ter presente se foi practicada unha exclusión deliberada de puntos de vista diverxentes. Os suxeitos pouco focais (mulleres e outros xéneros, ao igual que pobos indíxenas, universidades marxinais ou linguas minorizadas) foron confinados ás marxes da disciplina; os temas que trataron catalogáronse como periféricos, secundarios ou menores. Neste sentido, a perspectiva de xénero non sería unicamente ideoloxía, mais unha corrección dalgunhas desviacións metodolóxicas tan instaladas como erróneas".

Cartel da conferencia
Cartel da conferencia
The contents of this page were updated on 02.20.2024.