
A Igrexa da Universidade acolle desde o 8 de marzo a exposición 'A muller que son. 7 arquitectas rumanas e as súas obras'. A inauguración ten lugar o 8 de marzo ás 13.00 horas na Igrexa e asistirán a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández, e a directora do Instituto Cultural Rumano de Madrid, María Floarea Pop.
O Instituto Cultural Rumano de Madrid, en colaboración coa Unión de Arquitectos de Rumanía, a Universidade de Santiago de Compostela e o Colexio de Arquitectos de Santiago e o de Galicia, co apoio do Consulado Xeral de Rumanía en Bilbao, presenta por primeira vez en Santiago de Compostela unha exposición dedicada ás mulleres con resultados remarcables na arquitectura rumana.
Comisariada pola presidenta da Unión de Arquitectos de Rumanía (UAR), a arquitecta Ileana Tureanu, a exposición presenta, mediante unha selección de fotografías e textos, maquetas e obxectos, a actividade das arquitectas de Rumanía, desde as pioneiras da arquitectura rumana do período de entreguerras e posbélico, ata os nomes máis representativos das novas xeracións. As arquitectas incluídas son a raíña María de Rumanía, Virginia Andreescu Haret, Henrietta Delavrancea, Ioana Grigorescu, Silvia Demeter-Lowe, Eliza Yokina e Ilinca Păun Constantinescu.
Poderá verse a exposición ata o 8 de abril, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A exposición estará pechada o día 11 de marzo, a partir das 19.00 horas, e os días 28 e 29 de marzo todo o día.