O Unistem Day 2024 é o maior evento internacional de divulgación sobre células nai e terapia celular. Este ano, elixiuse o lema 'A viaxe interminable da investigación en células nai', e con esta xornada preténdese achegar a ciencia a estudantes de bacharelato e espertar vocacións científicas; na USC está organizada por un grupo de investigación do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson, liderado polo catedrático José Luis Labandeira. O acto de inauguración, este venres 22 de marzo ás 09.00 horas, contará coa presenza da vicerreitora de Política Científica, María Pilar Bermejo Barreira; a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya, e o codirector do CiMUS e investigador principal do grupo organizador, José Luis Labandeira García.
Será na Facultade de Psicoloxía cando 300 estudantes e docentes de oito centros educativos galegos se dean cita na Facultade de Psicoloxía compostelá: o IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II de Santiago, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Plurilingüe de Valga e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense serán os centros participantes.
O evento incluirá charlas de docentes e persoal investigador da USC que abordarán temas sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular a través de charlas e actividades como 'Despegando coas células nai', 'Tras as pegadas microscópicas: unha viaxe a través da investigación con células nai', 'O hospital de 'Minecraft': cada cubo, unha célula nai' e 'Células nai: verdades, mentiras e o que hai no medio'. Tamén se incluirán xogos interactivos conducidos por Lucía García, Laura Camacho, Cristina Gianzo, Pilar Aldrey e Iria Novoa.
Ademais, este ano, enmarcado nas actividades do 'Ano de Investigación Ramón y Cajal', incluirase a charla 'Elas: esas bolboretas da alma. #Ano Cajal', impartida pola investigadora do CiMUS Ana I. Rodríguez que desvelará cales foron as mulleres neurocientíficas da escola de Cajal.
