Acordeón, saxo e piano no primeiro concerto do ciclo Novos Talentos Musicais

O ciclo de concertos Novos Talentos Musicais que co organizan a USC e Compostela Sound comeza este martes 21 ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade coa actuación da acordeonista Beatriz Leonardo Labraña, o saxo Adrián Pais Abuín e a pianista Estefanía Cereijo Omil. A entrada é libre ata completar aforo.
Beatriz Leonardo interpretará pezas de Vivaldi, Soler, Makkonen, Cosma e J. Díaz e F. Angelis. Pese a que hoxe cursa os estudos de grado profesional de piano, esta ferrolá considera o acordeón como o seu primeiro instrumento. Recibiu clases dos mestres acordeonistas Oleg Sharov (Rusia), Gorka Hermosa (Euskadi) e Franck Angelis (Francia).
Pola súa banda, o programa de Adrián Pais Abuín contempla pezas de R. Schumann e J. Ibert, para o que estará acompañado da pianista Paula Gago. Tras rematar os estudos superiores en España, trasládase ao Conservatorio Rexional de Burdeos (Francia) para un traballo máis profundo da música de cámara e contemporánea. Pais Abuín pertence a Art Sound Quartet e colabora con distintas formacións coas que realiza concertos por España, Francia, Suiza, Portugal, Estonia, Suecia e Alemaña.
A pianista Paula Gago (Marín, 1978) formouse nos CMUS de Pontevedra e Santiago de Compostela e titulouse profesora superior nas especialidades de Piano e Música de Cámara con altas cualificacións. Desde 1995 dedícase ao acompañamento de instrumentistas de todas as especialidades e actualmente é mestra de piano e pianista acompañante nas EMUS de Valga, A Pobra do Caramiñal e Pops Ribeira.
Por último, a pianista Estefanía Cereijo Omil (Pontevedra, 1995), que interpretará pezas de Chopin e Prokofiev, estuda actualmente o cuarto curso de licenciatura na Escola Superior de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) e no Conservatorio Superior de Vigo. Este ano seleccionárona para participar coa Atlantic Coast Orchestra e coa prestixiosa Gustav Mahler Jugendorcherter (GMJO) no tour de pascua, con quen realizará concertos en varias cidades europeas.