Skip to main content

XXII Encontro Universitario de Danza da USC (Santiago)

15.04.2024 e 16.04.2024 / 20.30 h

Teatro Principal
Santiago de Compostela

Chega unha nova edición desta cita anual, na que se presentan as producións de diferentes compañías de danza universitarias convidadas

Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza (EUD), acollerá os días 15 e 16 de abril no Teatro Principal, ás 20.30 horas, a presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. Á Compañía de Danza da USC, baixo a dirección de Juan Carlos Zahera e nacida ao abeiro do Espazo de Danza da USC, únense a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a Aula de Danza da Universidade da Coruña .

O EUD que organiza a USC desde hai máis de dúas decadas, é unha das actividades máis destacables e visibles do Espazo de Danza da USC e un evento incluído na programación da Primavera Cultural da USC. Estes foros artísticos son promovidos para favorecer o intercambio cultural a través da danza, ademais de para achegar esta disciplina artística ao resto da sociedade. Vinte e dous anos despois da primeira edición dos EUD na USC, esta modalidade de expresión artística ten acadado unha dimensión transversal entre os membros da comunidade universitaria da institución académica compostelá. 

Programa

A Aula de Danza da Universidade de Coruña abrirá o programa de representacións do 22º Encontro Universitario de Danza da USC o luns 15 de abril, a partir das 20.30 horas no Teatro Principal, coa obra '...E todo o demais non importa', unha coreografía colectiva, con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.

'Migracións', coreografiada por Rosa Acuña e con dirección artística de Juan Carlos Zahera, é o titulo da coreografía da Compañía de Danza da USC, que nesta ocasión reúne as tres compañías de danza da USC (campus de Compostela, campus de Lugo e Sen Vergoña) nunha soa produción e completa o programa da xornada.

O martes día 16, ás 20.30 horas, intervirá e presentarase ao público compostelán a Aula de Danza do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, coa obra titulada 'Bolero', unha coreografía colectiva con dirección artística de Nuria Sotelo.

De seguido e rematando o Encontro de Danza da USC actuará de novo a Compañía de Danza da USC coa coreografía 'Migracións'.

A entrada é libre e gratuíta para todas as representacións, previo paso polo despacho de entradas a partir das 18.00 horas.

Espazo de Danza da USC

Foi unha iniciativa no seu día pioneira na universidade española e concibida como xerme dun laboratorio de danza contemporánea que, dúas décadas despois, presenta no seu currículo a produción de 40 montaxes coreográficas e a realización de máis de 300 actuacións e intervencións e a súa presenza en máis dun centenar de festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas. A presenza da danza na USC e a inclusión desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da institución académica de cara adentro actúa como un atractivo complemento académico e formativo; de cara ao exterior é unha eficaz embaixadora da USC como institución aberta e creativa.

The contents of this page were updated on 04.15.2024.