O profesor de Princeton Germán Labrador reanudou no CEA o Foro sobre o desafío das Humanidades
Enmarcada no foro ‘Memoria, identidade, mundo: o desafío das Humanidades’, o profesor da Universidade de Princeton (EE.UU) Germán Labrador pronunciou este xoves no Centro ed Estudos Avanzados a conferencia ‘Culpables pola literatura. Transición, democracia, contracultura e memoria’, que contou con numeroso público relacionado coa literatura e a historia.
Germán Labrador (Vigo, 1980) é profesor do Departamento de Lingua e Cultura Española e Portuguesa da Universidade de Princeton desde 2008. Os seus intereses académicos abranguen a historia literaria e cultural, estudos sobre a memoria, poesía, movementos sociais e culturas urbanas.
Algúns dos seus traballos son Letras arrebatadas. Poesía y química en la transición española (Madrid, 2008), no que estuda como un grupo esquecido de poetas clandestinos españois utilizou a droga na simbolización da experiencia histórica da súa xeración, desde as utopías psicodélicas de 1968 ata a mortal propagación do consumo de heroína nos anos oitenta. No seu segundo libro, Culpables por la literatura. Imaginación política y contracultura en la transición española (1968-1984) (Siglo XXI) analiza os intentos das contraculturas españolas de superar a democracia posfranquista de baixa intensidade a través da bioliteratura e o activismo nos anos 70.
Outras obras son El precio del espacio. Los desarrollos últimos del giro espacial en los estudios peninsulares y la producción del espacio en la España actual (2013) e A democracia na praça. Dois anos de protestos na Espanha (2013).
O relatorio organizouse nesta ocasión en colaboración co grupo de investigación HISTAGRA a través do proxecto ‘Os vectores do cambio estrutural das agriculturas atlánticas ibéricas: moto-mecanización e especialización leiteira’.