Skip to main content

Exposición 'Vacinando. Dous séculos e sumando!'

04.08.2024-04.23.2024

Santiago de Compostela

Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Bioloxía. FOTO: Santi Alvite

A exposición 'Vacinando. Dous séculos e sumando!' poderase visitar na facultade de Bioloxía da USC entre os días 8 e 23 de abril. Trátase dunha mostra pensada para divulgar a evolución das vacinas e aclarar ou desmontar moitos bulos e mentiras sobre a vacinación. A mostra, pensada para o gran público e que xa percorreu máis de 85 localizacións, conta cun total de dez paneis, incluíndo temas como as vacinas contra a COVID, os retos para as vacinas do futuro ou o novo calendario de vacinacións aprobado polo Ministerio de Sanidade.

A mostra, ademais do novo panel co calendario de vacinacións actualizado, inclúe outros como os de 'Verdades e mentiras' e 'Tes algunha pregunta? Temos respostas'. En total dez paneis que abordan os temas máis relevantes do libro complementario da mostra, 'Vacunando. ¡Dos siglos y sumando!', unha obra dos farmacéuticos Raquel Carnero, delegada de Farmamundi en Castela León, e Luis Marcos, con ilustracións e viñetas de Íñigo Ansola; foi publicado por Ediciones Universidad de Salamanca.

O proxecto foi galardoado cun dos Premios Farmacéuticos e ODS do Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos entregados no I Foro de Innovación Social da Farmacia, polo seu impacto na divulgación e contribución aos obxectivos de Saúde e Benestar da OMS, centrados en reducir a mortalidade por enfermidades prevenibles mediante a mellora das coberturas de vacinación. A ONG Farmamundi  xunto con outras institucións como a Asociación Española de Vacunología ou a Asociación Española contra la Meningitis, respaldan o proxecto @Vacunando.

A Facultade de Bioloxía, xunto coa facultade de Farmacia, colabora dende hai anos nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo coa ONG Farmamundi, cuxo obxectivo é achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novas e novos estudantes para fomentar a vocación investigadora. Para iso utiliza unha estratexia de 'crowdsourcing' dirixida ao descubrimento de novos antibióticos. A formulación experimental é idéntica ao famoso achado casual da penicilina por Alexander Fleming, aínda que de maneira dirixida e participativa involucrando a estudantado de educación secundaria de varios centros de Santiago de Compostela e a súa contorna.
Froito desa colaboración xorde a iniciativa de traer á Facultade de Bioloxía a exposición.

Cartel da exposición
Cartel da exposición
The contents of this page were updated on 04.05.2024.