
A Asociación de Médicos Gallegos (Asomega) entrega o venres 26 de abril ás 19.00 horas no Colexio de Fonseca o premio Nóvoa Santos á doutora e profesora da Facultade de Medicina da USC Luz Couce, quen tamén é directora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).
O acto estará presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e contará coa presenza do presidente del Parlamento, Miguel Santalices; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o presidente de Asomega, Julio Ancochea.
Trátase da vixésimo terceira edición do recoñecemento, que se entregou por primeira vez en 1996 ao neurocirurxián José Luis Puente. Desde entón, recibiron o galardón profesionais como Manuel Sánchez Salorio, María José Alonso, Miguel Cabanela, Rafael Tojo, Carlos Diéguez, José Castillo ou José Ramón González Juanatey.
A gañadora desta edición, a doutora Luz Couce Pico, segundo o ditame do Comité Científico de Asomega que valorou as candidaturas presentadas, "constitúe o máximo expoñente da neonatoloxía galega, cunha gran proxección tanto a nivel nacional como internacional. Ademais da súa excepcional traxectoria docente e investigadora, avalada por máis de 300 publicacións, 33 proxectos competitivos como investigadora principal e 7 rexistros de propiedade intelectual, consideramos particularmente meritorio o seu compromiso coa sociedade e o seu liderado na xestión da investigación en Galicia".