Skip to main content

A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia
A USC conmemora o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia
Este venres inaugura a exposición ‘Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC’

A Universidade de Santiago, a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, súmase esta semana á conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia este 11 de febreiro.

Para visibilizar o traballo das científicas e crear referentes femininos na ciencia, este venres 10 inaugura ás 12.00 horas na Biblioteca Concepción Arenal (Campus Vida)a exposición ‘ Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC’. Participarán a asesora no ámbito de Estudantes, Cultura e Deporte da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Marta Carballo Fidalgo; o director da biblioteca, Francisco Méndez García; e a investigadora da USC e autora da exposición, Xoana Pintos Barral.

A montaxe parte da tese de doutoramento 'As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960' de Xoana Pintos, que pretende “rescatar do esquecemento as primeiras científicas que pasaron pola nosa universidade e que co seu esforzo e empeño lle abriron as aulas ás mulleres”.

A exposición presenta unha escolla destas mulleres representativas, desde as pioneiras ás máis salientables, e considerando o maior número de disciplinas posibles: microbioloxía, xinecoloxía, xenética, astronomía, arquitectura, bioloxía mariña, embrioloxía, química, farmacia, odontoloxía.

The contents of this page were updated on 02.09.2017.