Conclúe en Santiago un proxecto europeo que achega importantes avances no uso da nanotecnoloxía en novas terapias orais para diversas enfermidades

O consorcio europeo TRANS-INT clausura esta semana en Santiago o proxecto ‘Novos nanomedicamentos orais: transporte de macromoléculas a través da barreira intestinal’, que coordinou a USC e que vai permitir deseñar estratexias terapéuticas que poderían ser de interese no tratamento sistémico de enfermidades como a diabete, a obesidade ou a dor, así como no tratamento local de doenzas intestinais inflamatorias.
A coordinadora do proxecto é a Universidade de Santiago de Compostela a través do laboratorio que dirixe a profesora María José Alonso e que valora “moi positivamente” a experiencia “xa que se creou unha potente red de colaboracións que deu lugar a numerosas sinerxías e, como consecuencia, a resultados amplamente validados de utilidade no desenvolvemento de novas terapias”. Con ela traballou tamén o grupo de investigación que dirixe o profesor da USC Carlos Diéguez, ambos os dous no CIMUS.
Na xuntanza, que inaugurou esta mañá o reitor Juan Viaño no Edificio Docente Roberto Novoa Santos do CHUS, participan ata o 26 de abril máis de 50 investigadores ademais de representantes da Comisión Europea e, como convidados e asesores externos, o doutor J. Hanes, da Johns Hopkins University (USA), e Felipe Casanueva, do CHUS.
Resultados
O consorcio europeo público-privado TRANS-INT estudou de forma integral o modo en que determinados nanomateriais interaccionan co tracto gastro-intestinal tras a súa administración oral, así como a súa utilidade para o transporte de biomoléculas terapéuticas, péptidos e proteínas, a través da mucosa intestinal.
Os resultados do TRANS-INT reflíctense en máis de 400 documentos, entre os que se inclúen 4 aplicacións de patente. Así mesmo, o consorcio contribuíu á formación de 30 novos investigadores, 8 dos cales realizaron a súa tese no marco do proxecto.
Consorcio europeo público-privado
TRANS-INT comezou en 2012 e durante os seus cinco anos de duración mobilizou preto de 11 millóns de euros, dos que gran parte foi financiada pola Comisión Europea a través do programa ‘ Nanosciences, nanotechnologies, Materials and new Production technologies – NMP (NMP. 2011.1.2-2 New targeted therapy using nanotechnology for transport of macro-molecules across biological barriers)’.
O consorcio público-privado está formado por 16 socios de 15 institucións, que van dende universidades (USC, Barcelona, Angers, College of London, College Dublin, Catholique de Louvain, Uppsala, College of Cork, Verona e Hannover), ata o Centre de Energie Atomique, o centro de investigación ECAMRICERT (Italia) e as empresas Serosciences (Hungría), Sigmoid (Irlanda) a multinacional farmacéutica Sanofi.