Skip to main content

Olimpíada da diversidade 'Trocando Linguas'

05.02.2024 | 10.30h

Santiago de Compostela
Salón de Actos da Facultade de Filoloxía

Presentan en Filoloxía os resultados dunha investigación sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos concellos realizada en colaboración con alumnado de tres institutos galegos

Logotipo da xornada
Logotipo da xornada

Estudantes dos IES Manuel Murguía, Perdouro e do Milladoiro participaron nunha investigación sobre os repertorios lingüísticos familiares e a diversidade lingüística dos diferentes concellos. A experiencia enmárcase no proxecto de investigación EquilinGalicia: Espazos de transformación sociolingüística no contexto educativo galego: axencia dos falantes, repertorios multilingües e prácticas (meta)comunicativas, que busca o intercambio de experiencias lingüísticas interxeracionais e reflexionar sobre a intermediación lingüística nos contextos multilingües actuais.

Os resultados da investigación, que pasarán a formar parte do Atlas Virtual para a Educación Lingüística na Superdiversidade, mostraranse ao público en xeral o vindeiro xoves 2 de maio, a partir das 10.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, na Olimpíada ‘Trocando linguas’ na que estará presente o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijo Torres e que tamén se retransmitirá en vivo a través do enlace https://youtube.com/live/d-DD7gfJQT0?feature=share

As actividades do proxecto artelláronse metodoloxicamente en torno á chamada ciencia cidadá orientada á comprensión da vida social e, por tanto, tamén da presenza das linguas nos diferentes espazos públicos que nos rodean na vida cotiá; neste caso, a diversidade lingüística dos diferentes centros educativos e concellos de Galicia.

Durante a investigación, o estudantado estivo acompañado polas docentes Patricia Calviño, Cathia Capelán, Valentina Formoso, Mª Jesús Mourín, Bernardo Penabade e Teresa Seara xunto coas investigadoras da USC, María Caamaño, Marta Estévez, Gabriela Prego e Luz Zas, que desenvolveron un minucioso traballo etnográfico en diferentes fases e con diversas actividades como xogos lingüísticos, dramatizacións, entrevistas na rúa e faladoiros coas persoas maiores.

Ademais, na investigación e nas  accións cidadás na rúa participou un grupo de persoas con traxectorias migratorias e repertorios lingüísticos diversos coordinados pola educadora-animadora social da Concellaría de Maiores, Asuntos Sociais e Participación Cidadá do Concello de Arteixo, Pitusa Vaamonde.

The contents of this page were updated on 04.30.2024.