Skip to main content

A mobilidade na cidade, a debate no ciclo ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’ na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC

Cartaz da sesión do ciclo 'Encontros de Xoves de Lúa Chea'
Cartaz da sesión do ciclo 'Encontros de Xoves de Lúa Chea'
Francisco Javier López modera este xoves, ás 20.00 horas, na cafetería da EPS, unha sesión na que intervirán como relatores os enxeñeiros Alberte Castro e Pablo Fuentes

Os Encontros de Xoves de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, celebra este xoves 20 de abril, a partir das 20.00 horas, un novo coloquio na cafetería da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, baixo o título ‘A mobilidade na cidade’. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.

O profesor da área de Expresión Gráfica da Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior Francisco Javier López González fará unha introdución sobre o tema do coloquio, no que intervirán como relatores os enxeñeiros e docentes no centro universitario lugués Alberte Castro Ponte, que imparte a materia Enxeñaría e Infraestruturas dos Transportes, e Pablo Fuentes Faílde, profesor de Enxeñaría do Tráfico.

A organización e regulación dos desprazamentos que a diario se rexistran na cidade, xa das persoas que se moven a pé, en bici, en coche, transporte público ou privado... e os intereses e propostas de cada un destes colectivos, serán algúns dos asuntos sobre os que tratará esta nova edición dos ‘Encontros de Xoves de Lúa Chea’, un foro no que, entre outros asuntos, tamén se tratará o cometido que cada medio de transporte debe ter reservado nunha cidade como Lugo e a recente redución a 30 km/h. da velocidade máxima permitida para os vehículos que circulan pola Ronda da Muralla.

The contents of this page were updated on 04.19.2017.