Skip to main content

Inauguración simposio Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society

06.06.2024 | 09.00h-11.00h

Santiago de Compostela
Centro de Estudos Avanzados

A conferencia desenvolverase entre o 3 e o 7 de xuño
A conferencia desenvolverase entre o 3 e o 7 de xuño

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, está a ser esta semana o anfitrión da conferencia ‘Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society’ que busca fomentar o diálogo entre o ámbito académico e a industria, así como visibilizar oportunidades profesionais para as persoas interesadas na ciencia de datos e as súas aplicacións á sociedade e o eido empresarial. O encontro celébrase por primeira vez en Santiago de Compostela despois de tres edicións en Portugal, nas cidades de Lisboa, Braga e Coimbra.

Logo dun curso intensivo sobre Probabilidade, Estatística e Machine Learning enfocado a estudantes de doutoramento e persoal investigador posdoutoral, o simposio propiamente dito dará comezo no Centro de Estudos Avanzados este xoves 6 ás 9.00 horas cun acto inaugural tras o que intervirá o director do IGFAE, Carlos Salgado.

Durante as dúas xornadas, máis de 20 representantes de empresas e centros de investigación falarán sobre as últimas tendencias no sector, as demandas e as aplicacións prácticas da ciencia de datos no día a día. Trátase, en esencia, de profundar nas relacións entre a física fundamental e a industria, coa ciencia de datos como elo de unión.

Ciencia de datos, un sector en crecemento
Miles de empresas de todo o planeta andan actualmente á procura de persoal especializado en ciencia de datos, sendo un dos perfís máis demandados. Desde os xigantes das aplicacións sociais ata as empresas de venta minorista, pasando por compañías farmacéuticas, de consultaría ou telecomunicacións. Esta disciplina ten por obxectivo analizar enormes conxuntos de datos que se producen de forma continua, para encontrar correlacións, relacións causais e patróns cos que construír hipóteses, asignar significados ou avaliar a eficiencia de algoritmos.

Neste marco, o simposio organizado polo IGFAE pretende, por unha banda, mellorar a formación en ciencia de datos do persoal investigador que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira e, ao tempo, ofrecer a oportunidade de establecer contacto directo co mercado laboral e en xeral coas necesidades da sociedade nesta materia. Ademais, o IGFAE tamén achegará ás persoas e organizacións participantes as súas capacidades científicas nas áreas da Física de Altas Enerxías, Nuclear, Astropartículas e Física fundamental.

 

 

The contents of this page were updated on 06.05.2024.