Skip to main content

Acto institucional do Día das Letras Galegas 2024

05.16.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Andei por Santiago
pisando estrelas
na noite
que as rúas devolveron
con luces e clamores
secretos
na noite.

'Música reservada' (Luísa Villalta)

Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite
Colexio de Fonseca. FOTO: Santi Alvite

O reitor Antonio López preside este xoves 16 de maio ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o acto académico do Día das Letras Galegas 2024 na honra da poeta Luísa Villalta, no que se presentará o libro editado pola Universidade de Santiago Escribir para quen. Relecturas posíbeis de Luísa Villalta, coordinado por Mª Xesús Nogueira Pereira, profesora do departamento de Literatura Galega e Montse Pena Presas, profesora do departamento de Didácticas Aplicadas. Ao acto asiste tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

A cerimonia comezará coa presentación do volume a cargo do director do departamento de Filoloxía Galega da USC, Francisco Cidrás Escáneo, e continuará coa conferencia das súas coordinadoras titulada ‘As feridas no ar. Sobre a figura poliédrica de Luísa Villalta'. Deseguido, haberá unha lectura de textos poéticos da homenaxeada polas alumnas do Graos de Lingua e Literatura Galega da USC. Péchase o acto coas intervencións do conselleiro e o reitor.

Escribir para quen
O volume que saíu do prelo de Edicións USC comeza co capítulo 'As feridas no ar. Algunhas reflexións sobre a obra de Luísa Villalta', a cargo de María Xesús Nogueira Pereira e Montse Pena Presas. Marga do Val é a autora do texto 'Luísa Villalta: a poesía do mesmo lado do compromiso' e Inmaculada López Silva escribe o capítulo 'Da orde das cousas ao gueto de muller no teatro galego. A propósito da obra dramática de Luísa Villalta'.

Seguen Dolores Vilavedra, con 'Luísa Villalta ou a arte de vivir co misterio da desubicación', Rexina Rodríguez con 'E eu mesma me vin mirar-me a min que me miraba. Luísa Villalta ou a extrema autoconciencia' e Carolina Doldán e Adolfo Doldán con 'Xeralizar co feminino (Lembranzas de Luísa Villalta, mestra)'. Pechan o volume María Xesús Nogueira e Montse Pena co capítulo 'Luísa Villalta na voz das outras', que inclúe poemas da homenaxeada e doutras autoras.

 

The contents of this page were updated on 05.16.2024.