Medicina acolle a proxección de 7 days 7 cities
O Salón de Actos da Facultade de Medicina acollerá o luns 6 a proxección do documental 7 days 7 cities, segunda parte de This is life, que narra o nacemento e expansión da nova técnica para operar cancro de pulmón Uniportal VATS, creada polo cirurxián galego Diego González Rivas. O acto comezará ás 20.00 horas.
7 days 7 cities é unha road movie ao longo de China para narrar como o cirurxián Diego González Rivas opera e ensina a súa novidosa técnica en sete cidades no transcurso dunha semana, algo que non se tiña feito nunca. En total para a rodaxe foi preciso percorrer 50.000 quilómetros e tomar dezaseis voos de avión. O documental dá conta dunha aventura trepidante para descubrir os avances tecnolóxicos máis potentes aplicados á Medicina, condicionados nesta ocasión pola dificultade de traballar nun dos lugares máis inhóspitos e duros do planeta, xa que o percorrido remata no Tibet.