Skip to main content

Unha mostra en Ciencias da Educación sobre o colectivo trans reivindica o respecto á diversidade

A exposición pode visitarse ata o 9 de febreiro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte. Foto: Servimav-USC
A exposición pode visitarse ata o 9 de febreiro no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte. Foto: Servimav-USC

‘Respecta-defende-sensibiliza-iguala-vive e deixa vivir’. Con este lema, a Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte exhibe ata o día 9 de febreiro a mostra fotográfica ‘Sorrisos trans*formadores’, un proxecto que busca a visibilización, sensibilización e naturalización do colectivo trans* para promover a igualdade de oportunidades, o respecto á diversidade e o dereito a ser diferentes. É unha iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Familias de Menores Trans* de Galicia (Arelas), con fotografías de Noemí Chantada.

A exposición poderá visitarase ata o día 9 de febreiro en horario de 12.00 a 13.30 e de 17.30 a 19.00 horas. A exposición trata de prever actitudes e comportamentos discriminatorios por mor da orientación sexual ou identidade de xénero e combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e as identidades de xénero. ‘Sorrisos trans*formadores’ comprende imaxes de persoas alegres, orgullosas que mostran unha parcela da súa vida que lles gusta, acompañadas dun texto que reflicte unha frase ou idea.

A inauguración desta mostra celebrouse este venres no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación de Campus Norte coa participación da presidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego; a concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concepción Fernández Fernández; e o vicedecano da Facultade, Martín Leránoz Iglesias. Tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, e a valedora do Pobo, Milagros Otero Parga. Deseguido, a presidenta da asociación Arelas, Cristina Palacios, pronunciou a conferencia ‘O poder dos sorrisos, que transforman a sociedade’.

De esquerda a dereita, Concepción Fernández, Carmela Silva, Martín Leránoz e Cristina Palacios. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 02.03.2017.