Skip to main content

Fragmentos do Xapón a través da música tradicional

Fragmentos do Xapón a través da música tradicional
Fragmentos do Xapón a través da música tradicional
En dous concertos de arpa e tambor este mércores e xoves na Igrexa da Universidade

A música será esta semana a protagonista dunha nova iniciativa a prol da difusión na USC da cultura xaponesa. O Centro de Linguas Modernas e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC coa colaboración da Fundación Xapón en Madrid organizan dous concertos de música xaponesa nos que soarán os instrumentos tradicionais koto e taiko. Ambos recitais serán ás 19.00 horas na Igrexa da Universidade con entrada libre.

O koto (a arpa xaponesa) consta dunha caixa de resonancia e ten, tradicionalmente, 13 cordas de seda, todas do mesmo grosor, acompañado os pequenos pontes. Non obstante, o concerto deste mércores 8 correrá a cargo do músico Tomoya Nakai, un dos poucos especialistas en koto de 25 cordas. Durante a actuación, Nakai ofrecerá unha pequena charla sobre a historia e a técnica deste especial instrumento.

Tomoya Nakai, aclamado pola crítica e gañador de varios premios de música tradicional xaponesa, é o único músico capaz de tocar e compoñer para koto de 25 cordas, un instrumento recente cun rexistro moito máis amplo que o tradicional.

Tomoya Nakai comeza a tocar o koto aos 6 anos e o shamisen aos doce. En 2001 gradúase na Universidade de Belas Artes de Tokio e gaña o Premio Joei como mellor intérprete. O ano seguinte recibe o Premio ao Estímulo Cultural da súa cidade natal, Tsu. Xunto co debuxante Gataro Zetsu, Nakai fundou a Japan Traditional Art Academy para ensinar artes tradicionais e a súa aplicación ás prácticas artísticas modernas. Esta escola produciu o espectáculo Japatora que se representou en 2015 en España.

O taiko, o xoves
Xa o xoves será a quenda do taiko, o tradicional tambor xaponés. O músico Keita Kanazashi, igualmente convidado dende o seu país de orixe, toca ata cinco tambores diferentes e previamente ao recital ofrecerá un pequeno obradoiro no que os participantes poderán probar este instrumento.

No caso de Kanazashi, comeza a tocar o taiko aos 11 anos. En 2011 debuta co grupo ‘HA·YA·TO’ composto por el e os seus dous irmáns e a partir de aí comeza a participar en numerosos concertos con moi boa acollida, mesmo internacional.

Nos últimos anos colaborou con artistas de J-Pop e Enka (estilo de música xaponesa que mestura sons tradicionais con melodías occidentais) como Momoiro Clover Z, Kiyoshi Hikawa ou Arashi. Actualmente, continúa formándose en artes tradicionais xaponesas, estudando danza tradicional co mestre Hanayagi Eisuke e acompañamento musical do teatro kabuki da man do Tazaemon Mochizuki.

The contents of this page were updated on 02.07.2017.