
Os días 20 e 21 de xuño de 2024 terán lugar en Santiago de Compostela as III Xornadas de Delegadas e Delegados de Protección de Datos de Universidades Españolas, organizadas pola USC conxuntamente co Grupo de traballo de protección de datos da Comisión Sectorial de Secretarías Xerais de Crue. A xornada do xoves 20 desenvolverase na Facultade de Dereito, sendo a inauguración ás 9.30 horas e a do venres 21 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, onde clausurará o encontro a secretaria xeral da USC, Dulce María Garcia Mella, a partir das 13.30 horas.
Ao longo destas xornadas tratarase de avaliar e debater acerca dos complexos desafíos aos que se enfrontan as universidades en materia de protección de datos, nunha contorna cada vez máis dixitalizada. En especial, profundarase no impacto que ten a intelixencia artificial neste campo, analizando os puntos chave contidos no Regulamento de IA, a necesidade de afrontar o seu desenvolvemento atendendo a principios éticos e os retos que expón o recurso á mesma en materia de investigación.
Así mesmo, abordarase a importancia da realización de avaliacións de impacto no ámbito universitario, efectuando unha aproximación tanto teórica como práctica. Tamén serán obxecto de análise e reflexión os retos que entraña a protección de datos nas canles de denuncias implementadas de acordo coa Lei 2/2023, así como a aplicación do novo Esquema Nacional de Seguridade nas entidades do sector universitario.