Skip to main content

A funcionalidade dos montes veciñais en man común, a debate este mércores nunhas xornadas no Campus Terra

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
Representantes de tres comunidades de montes veciñais de O Rosal, Friol e Lalín intervirán, a partir das 17.30 horas, neste foro na EPS

O grupo de innovación docente Ruralia, integrado por investigadoras da USC das áreas de Economía Agraria, Historia Contemporánea e Ecoloxía organiza este mércores 5 de abril, a partir das 17.30 horas, na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, unha xornada de análise e debate sobre o aproveitamento e os usos dun recurso como é o monte veciñal que se desenvolverá baixo o título ‘Os montes veciñais en man común, un recurso multifuncional’.

Os relatores convidados a participar como relatores neste foro representan tres exemplos de éxito e boas prácticas de xestión deste tipo de superficies, como é o caso das comunidades de montes veciñais en man común de O Rosal (Pontevedra), Carballo (Friol) e Zobra (Lalín), que foron capaces de pór en valor estes espazos transformándoos en fontes de benestar para os veciños e veciñas, de recursos medioambientais valiosos e, por último, na base dunha institución social viva e con capacidade de xerar capital social.

Isaac González González, da CMVMC de O Rosal; Ángel Buján Zas , da CMVM de Carballo, en Friol, e José Dobarro Casado, de Zobra, en Lalín, aproveitarán a súa participación neste foro, que conta coa financiamento do proxecto do Ministerio de Economía e Competitividade ‘O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico’, para relatar as diferentes actuacións desenvolvidas polas comunidades de montes veciñais en man común ás que pertencen.

En Galicia os Montes Veciñais en Man Común representan un 23% da superficie total, e están localizados nas zonas máis vulnerables e desfavorecidas. Son espazos aínda descoñecidos para unha parte importante da poboación, aínda que, sen embargo, teñen unha importancia vital para o desenvolvemento e a sustentabilidade das áreas rurais. Na actualidade hai en Galicia máis de 3.000 comunidades de montes, o que constitúe un enorme potencial de creación de emprego e renda aínda por aproveitar.

The contents of this page were updated on 04.04.2017.