A ALCESXXI busca fomentar a implicación social e a responsabilidade educativa de todos os axentes culturais

A Asociación Internacional de Literatura e Cine Españois Século XXI (ALCESXXI) desenvolverá na Universidade de Santiago entre os días 16 e 19 de xullo o seu cuarto encontro con seminarios, obradoiros e diversas actividades divulgativas. A convocatoria reunirá duascentas persoas procedentes de Estados Unidos, Canadá, Francia e España, entre outros países.
Esta asociación ten como obxectivo intervir o ámbito educativo e cultivar en espazos académicos alianzas para dar respostas públicas ao estado de crise latente nas sociedades actuais. A ALCESXXI naceu en 2010 a iniciativa dun colectivo de educadores, creadores, editores e produtores dedicados á literatura, o cine e a cultura contemporáneos que busca fomentar a implicación social e a responsabilidade educativa de todos os axentes culturais.
As xornadas terán lugar na Facultade de Filoloxía, cun equipo local formado polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC, Anxo Abuín González; o profesor titular de Bioquímica e Bioloxía Molecular, Germán Sierra Paredes; o doutorando en Estudos da Literatura e a Cultura, Miguel Alcalde Silveira; ademais de Julio Vilariño Cabezas e Mitzi Martínez Guerrero. O encontro conta coa colaboración do Grupo de Excelencia da USC IDEAHS.
As xornadas darán comezo o martes 16 cun acto inaugural, ás 16.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, coa participación do reitor Antonio López, que presentará a Germán Sierra Paredes, profesor titular de Bioquímica e Bioloxía Molecular; Anxo Abuín González, catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada; e Ofelia Ferrán, da organización ALCESXXI.
A continuación, intervirán Óscar Pereira, profesor emérito da Universidade de Nebraska-Lincoln, e a profesora e co fundadora de ALCES XXI, Teresa Herrera de la Muela. Xa ás 18.30 o encontro trasladarase ao Salón de Actos Facultade de Filoloxía para continuar coa sesión ‘Cine e pensamento con Emilio Fonseca e Xiana do Teixeiro, de Walkie Talkie Films.
O resto das xornadas consistirán en obradoiros e seminarios de investigación. Haberá tamén o mércores 17 ás 12.15 horas unha sesión poética aberta ao público xeral organizada por Antón Lopo coa participación de Ismael Ramos, Alba Cid, María Grandío e Jesús Castro Yañez.