Salón de graos
Reunirá persoas expertas de universidades españolas, italianas e francesas

O grupo de investigación De Conflictu Legum organiza a vindeira semana, os días 9 e 10 de xullo, o congreso internacional ‘A Proposta de Modernización do Código Civil en materia de obrigas e contratos de 2023. Algunhas cuestións previas’.
Este evento científico, colofón aos seminarios mensuais realizados entre xaneiro e xuño sobre a temática, desenvolverase no salón de graos da Facultade de Dereito. A inauguración será o martes 9 ás 9.15 horas da man das docentes da USC María paz García Rubio e Javier Maseda Rodríguez.
No seo do encontro tratarase o procedemento lexislativo co que se podería acometer a mencionada reforma do Código Civil, a cuestión competencial, a relación da proposta coa lexislación de protección de consumidores, coa lei de condicións xerais da contratación e con outras leis. Ademais, abordarase a relación entre a teoría xeral do contrato e a regulación dos contratos especiais.
Na segunda xornada, a do mércores 10 de xullo, expoñeranse os problemas de dereito transitorio en caso de aprobarse a proposta, as cuestións de dereito internacional privado e dereito interrexional e, para rematar, abrirase un debate sobre a pregunta “é tempo de codificar?”.
Para o tratamento destas cuestións contarase con persoas expertas de universidades españolas, italianas e francesas, dado que ao longo das mesas de relatorio trataranse os temas tamén desde a perspectiva do dereito comparado.
O congreso forma parte do proceso de execución do Proxecto de investigación ‘A inaprazable modermización do dereito de obrigas e contratos do Código Civil español’ financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.