
O Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS, cuxa directora científica é a profesora da USC María Loureiro, organiza a xornada 'O camiño á neutralidade climática: reflexións desde Galicia e Europa', que terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi compostelán o martes 10 de setembro de 10 a 13 horas. Asistirán á inauguración da xornada a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría Traba, e a vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra.
Neste encontro participarán representantes tanto do sector público coma privado e membros da Academia vinculados coa materia, incluíndo representantes da Xunta de Galicia, a Comisión Europea e o sector empresarial galego. Por parte de ECOBAS estarán, ademais de María Loureiro, o director adxunto, Xavier Labandeira (UVigo) e o investigador posdoutoral Pol Fontanet (UVigo).
Partindo do marco xeral das últimas novidades e orientacións da política climática da UE, na xornada prevese abordar os potenciais impactos e oportunidades de desenvolvemento arredor de asuntos como as necesidades e o potencial renovable galego, como compatibilizar o seu desenvolvemento coa protección ambiental e cunha axeitada remuneración do territorio e dos actores implicados; o Acordo de París e obxectivos da Unión Europea relacionados que implican unha expansión deste tipo de enerxías; a situación actual e oportunidades que os mercados voluntarios de carbono abren para Galicia e as implicacións da descarbonización do transporte e a industrialización.