
O reitor Antonio López preside o xoves 19 de setembro a partir das 12.00 horas o acto de entrega dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación. Será no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e asistirán tamén a segunda tenente da alcaldesa do Concello de Santiago, Míriam Louzao; a directora xeral de Promoción de Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, e a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez.
No curso do acto entregaranse tres premios correspondentes a docencia e outros tantos a investigación. A USC convoca estes galardóns coa finalidade de fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, considerada como unha dimensión de calidade e de innovación docente dos diferentes centros, institutos e departamentos.
Os premios contan coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e na modalidade A galardóanse tres experiencias docentes que teñan incluído a perspectiva de xénero. Neste caso o contido trata sobre unha experiencia educativa innovadora relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. A experiencia ten que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade (elaboración de materiais, aplicación de novas tecnoloxías, innovacións nas prácticas e nos programas, acción titorial, etc.) e tense en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior e os beneficios que supuxo. O propósito é a promoción da incorporación das ferramentas conceptuais e os contidos transformadores de xénero en todos os ámbitos.
Na modalidade B prémianse tres traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos.