O ciclo de cine da Facultade de Filoloxía ten programados ata final deste ano sete filmes que serven para establecer coloquios sobre os seus contidos

A proxección da curtametraxe Antes de que se poña o sol servirá de inauguración do cuarto ciclo de CineFilo, o cineclub da Facultade de Filoloxía, que abre a temporada outono-inverno 2024 o martes 24 de setembro a partir das 17.00 horas no salón de Actos da Facultade de Filoloxía.
CineFilo é un punto de encontro a través do cinema das linguas e culturas que se ofrecen na facultade, así como un espazo de colaboración e diálogo entre todos os membros da comunidade universitaria e veciñanza. A actividade é aberta e de balde, ten lugar quincenalmente os martes ás 17.00 horas no Salón de Actos da Facultade e o seu seguimento está recoñecido cun crédito ECTS pola Área de Cultura da USC.
Primeira proxección
A proxección de Antes de que se poña o sol, o martes 24 de setembro, contará coa presenza do decano Elias Feijó, do realizador Nani Matos e da xefa de produción Andrea Varela. Esta curta galega de 2023 narra, desde unha coidada perspectiva de xénero, unha tensa reunión familiar entre catro irmáns na que se debe adoptar unha difícil decisión. Funciona ao mesmo tempo como drama familiar, mais tamén como exposición do rural, como denuncia social da desigualdade e como ilustración da vida na terceira idade. Situada na provincia pontevedresa, serve ao mesmo tempo de ficción, mais con notas de auto-drama. Nomeada na categoría á mellor curta galega nos Premios Mestre Mateo, foi galardoada en múltiples certames nacionais e internacionais, entre os que destacan, por exemplo, a súa presenza no Festival de Málaga.
Andrea Varela Jambrina é a xefa de produción da curta, que se desenvolveu ao abeiro da produtora Campusinos in albis producións. Actualmente desempéñase como realizadora para a Corporación Radio Televisión de Galicia, pero tamén combinou a súa formación na Uvigo con outras tarefas de produción e montaxe en distintas creacións audiovisuais, entre as que destacan a dirección do vídeo-clip é T-Í-O (2023) para o conxunto Amorodo e da curta de ficción Asubío (2023) para o Festival Internacional de cinema de Ourense.
Nani Matos, actor, guionista e director, é o realizador da peza, que foi nomeada a mellor curta nos Premios Mestre Mateo e premiada en máis de trinta certames do audiovisual. Previamente, tamén escribiu e dirixiu as curtas Dies dei (2009), Flores para Amalia (2013) e Lurna (2016), a cal foi laureada en máis de vinte e cinco países. Na actualidade segue a implicarse en distintos proxectos de escritura, realización e interpretación e segue a ser galardoado con outros premios cinematográficos.
Sete filmes
Organizado pola Facultade dentro dos seus proxectos colaborativos, CineFilo é coordinado pola Área de Filoloxía Catalá en colaboración co Centro de Linguas Modernas da USC, o Institut Ramon Llull e Filmin.Cat. A información sobre as proxeccións pódese seguir na conta de Instagram @cineFilo.usc. A programación do cuarto ciclo, a temporada outono-inverno 2024, é cofinanciada pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, e consta de sete filmes que contan con presentación, un coloquio posterior e, nalgúns casos, a presenza de directores, membros do equipo técnico e/ou especialistas.
